Skip to content

Galego

¡Síguenos!

A Xustiza condena a Narón a pagarlle a Ferrol o que lle reclamou o goberno de Ángel Mato polo saneamento

Na súa demanda, o Concello ferrolán defendía unha liquidación correspondente ao período 2017-2021 por valor de 3,4 millóns de euros e outra dos anos 2022 e 2023 que ascende a 3,1 millóns, e o fallo confirma que Narón debe aboar a parte que aínda non satisfixo

O portavoz do Grupo Municipal Socialista: “Tiñamos razón cando defendíamos un reparto de custos xusto para que a cidadanía non tivera que pagar por un servizo que non lle correspondía, e non tiñan razón quen propoñían negociar e claudicar”

“Cando a empresa de augas ten problemas económicos por unha situación así, a solución non pode ser subirlle o prezo do servizo a toda a cidadanía. A solución é defendela incluso nos tribunais”, advertiu

Ferrol, 20 de febreiro de 2026. “Tiñamos razón cando defendiamos un reparto de custes xustos, porque o que era unha inxustiza era que a cidadanía de Ferrol tivera que pagar por un servizo que non lle correspondía, e non tiñan razón quen propoñían negociar e claudicar, porque había un prexuízo gravísimo para os intereses desa cidadanía”. Neses termos valorou o secretario xeral da Agrupación Socialista e portavoz do Grupo Municipal, Ángel Mato, a sentenza que vén de ditar o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol respecto das liquidacións que o seu goberno local xirara ao Concello de Narón polos custes de saneamento.

O fallo, con data do pasado martes, certifica que as cantidades que reclamaba o Concello de Ferrol para os períodos de abril de 2017 a decembro de 2021 (3.497.419,88 millóns de euros) e de xaneiro de 2022 a xuño de 2023 (3.155.543,50 millóns de euros) son as correctas e que, polo tanto, Narón debe satisfacer a parte deses pagos que aínda non realizou. Esa cifra podería situarse por enriba dos dous millóns de euros tendo en conta que o fallo indica que se deberá detraer da débeda parte dos gastos “de xerencia e administración” e sumar os intereses que se se deriven da demora, sobre os que a sentenza non se pronuncia.

Ángel Mato explicou hoxe que, “pese a todo o que se dixo, no pasado mandato non se quixo abrir ningunha guerra co Concello veciño”. “Simplemente estabamos reclamando o que nos parecía xusto e que o propio xulgado entendeu perfectamente tras as probas periciais”, apuntou. Destacou, nese senso, que a sentenza “declara que houbo un enriquecemento inxusto por parte do Concello de Narón ao rexeitar as liquidacións”.

O portavoz socialista subliñou que o seu goberno “quedou só nesta reclamación” pese a que con aquela situación, que se viña arrastrando durante anos, “toda a cidadanía de Ferrol estábase facendo cargo deses millóns nos seus propios recibos”. “O que non podía ser era que nós estivésemos prestando ese servizo cun déficit estrutural que acabou en que o actual goberno lles subiu o prezo da auga a todos os veciños e veciñas”, recordou.

Mato lembrou que “desde o primeiro momento” do seu mandato denunciou o criterio de reparto inicial de custes de saneamento entre ambas administracións locais, cunha proporción 70-30 % que penalizaba a Ferrol. Explicou que, por ese motivo, enfrontou nos tribunais á empresa pública Acuaes, que construíu os colectores. “E os tribunais déronnos a razón dúas veces”, salientou. “E esa razón demóstrase outra vez non só por esta terceira sentenza, senón tamén polas propias medicións que están facendo os caudalímetros que tamén obrigamos a que se colocaran”, engadiu. O líder socialista asegurou que ese é o xeito de defender á veciñanza, “incluso contra o criterio de formacións políticas”.

“O que tamén se recolle na propia sentenza é a proporción axeitada de distribución de custes que recollen as auditorías, e que estaría no entorno do 60-40 %. Ese é o reparto real e que agora mesmo está sendo ratificado a falta de máis medicións por parte dos caudalímetros, que é o sistema de medición que hai que empregar para poder facturar”, explicou.

Reivindicación dunha empresa 100 % pública

Finalmente, Mato reivindicou que o que fixo o goberno socialista no pasado mandato “coas críticas do resto de grupos políticos” debera ser unha cuestión que concitara o consenso de todos os partidos. “Cando a empresa de Augas ten problemas económicos por unha situación así, a solución non pode ser subirlle o prezo do servizo a toda a cidadanía. A solución é defendela incluso nos tribunais”, advertiu, e valorou os beneficios que reporta dispoñer dunha compañía pública. “Permite garantir un mellor servizo e en momentos como a pandemia permite non repercutir custes a negocios que se atopan sen actividade. Puidemos facer iso porque a empresa era pública nunha porcentaxe maioritaria”, dixo. Por iso, e tal e como se distribúe neste momento a propiedade, mostrouse partidario de que “a partir de xa”, a empresa de augas de Ferrol sexa de titularidade pública nun 100 %.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes