Skip to content

Galego

¡Síguenos!

A inacción do PP fai perigar as 300 vivendas públicas proxectadas no Sánchez Aguilera

O Goberno central viuse na obriga de buscar novas ubicacións despois de que o Concello deixase pasar dous anos sen proxecto de urbanización

Ferrol, 7 de outubro de 2025.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia que a falta de xestión e a desidia do Goberno local do Partido Popular está a poñer en risco o proxecto de 300 vivendas de alugueiro asequible destinadas principalmente á mocidade ferrolá, inicialmente previstas no antigo acuartelamento do Sánchez Aguilera.

En maio de 2023, o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana anunciou a construción de 325 pisos públicos en Ferrol, dos cales 300 se levantarían no Sánchez Aguilera, co obxectivo de favorecer o acceso á vivenda da mocidade e reactivar un espazo estratéxico da cidade.

Porén, dous anos despois, o Concello do PP segue sen aprobar o proxecto de urbanización da parcela, o que impide iniciar as obras e obriga ao Goberno central a buscar alternativas que garantan prazos máis rápidos e eficaces. “A inacción do PP fixo que o Estado non poida construír as vivendas no Sánchez Aguilera, e iso é un erro gravísimo de planificación e de xestión municipal”, advertiu o portavoz socialista, Ángel Mato.

Segundo o Ministerio de Vivenda, os técnicos confirmaron que o terreo non reúne as condicións para avanzar mentres non se acometa a urbanización, unha responsabilidade directa do Concello.

O Executivo estatal mantén o seu compromiso coa vivenda pública en Ferrol, pero recalca que necesita cooperación e axilidade por parte do goberno local, algo que —segundo o PSOE— non está a suceder baixo o mandato do PP. “O Sánchez Aguilera debía converterse no novo barrio da mocidade ferrolá, un espazo de futuro e de oportunidades. Hoxe segue igual que estaba porque o Concello non fixo os deberes”, lamentou Mato.

O Grupo Socialista lembra que o Goberno de España mantén activos máis de 10 millóns de euros en investimentos para rehabilitación e construción de vivenda pública en Ferrol, e insiste en que a cidade non pode seguir perdendo tempo nin oportunidades por culpa da parálise municipal. “O alcalde Rey Varela leva dous anos prometendo que o proxecto estaba en marcha e o resultado é cero avances reais. Se Ferrol non ten xa esas vivendas é, unicamente, pola súa falta de xestión”, concluíu o portavoz socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes