Silvia Longueira denuncia que os orzamentos da Xunta para as comarcas do Interior Coruñés son “cantidades ridículas ou prácticamente inexistentes”
- A parlamentaria socialista lamenta que só se destinen partidas para o saneamento e abastecemento de auga que califica de insuficientes
A parlamentaria socialista Silvia Longueira denuncia que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 nas comarcas do interior da provincia da Coruña son “cantidades ridículas ou practicamente inexistentes”.
Por unha banda, a deputada no Parlamento de Galicia criticou que a Xunta vaia destinar “apenas 200.000 euros para que Ordes, Frades e Tordoia poidan mellorar o seu saneamento e abastecemento das augas, unha cantidade ridícula para unha poboación que vai en aumento”.
Por outra banda, lamentou tamén que os presupostos volven ser “practicamente inexistentes na comarca de Arzúa”, xa que “unicamente Boimorto, cunha cantidade de 100.000 euros para o saneamento das augas”, recibe un investimento directo nos mesmos.
Ademais, Longueira sinalou que a nivel galego “a campaña publicitaria foi moito mellor que o contido, xa que o texto presentado non dá resposta ás necesidades reais da cidadanía galega”. “Mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos”, engade.
“Estes orzamentos son un freo ás expectativas da xente que agarda unha Galicia con dereito a vivenda, a uns servizos sociais eficaces e a unha atención sanitaria de calidade”, apuntou a deputada socialista, que sinalou ao goberno de Rueda por “rexeitar a condonación da débeda por parte do Estado, que permitiría aforrar 620 millóns”. Advertiu tamén de que “a partida de Sanidade apenas medra en 157 millóns de euros respecto a 2024, o que significa que pagamos máis aos bancos en débeda que o que destinamos á Atención Primaria”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS