Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Os socialistas de Coristanco, Carballo e A Laracha preparan novas medidas contra os recortes educativos na Costa da Morte

O PSdeG-PSOE da Comarca de Bergantiños celebra unha nova reunión para abordar os recortes da Xunta de Galicia en educación tanto na Costa da Morte como no conxunto de Galicia.

Participaron na xuntanza portavoces socialistas de varios municipios da bisbarra. Estiveron presentes José Manuel Pérez Abelenda, de Coristanco; Valentín Costa Trillo, de Carballo; Inés Ramos López, da Laracha; e Lois García Carballido, de Ponteceso. Este último desempeña tamén o cargo de director de Alta Inspección Educativa da Delegación do Goberno en Galicia.

Por unha banda,José Manuel Pérez Abelenda, sinalou que levará ao Pleno do seu Concello “os recortes nos centros de infantil, secundaria e bacharelato, así como as múltiples necesidades de obras nos centros educativos de Coristanco”.

Por outra, Valentín Costa Trillo repasou na reunión “os avances conseguidos coa mobilización a favor do CEIP Xesús San Luís Romero” e propuxo unha reunión co sector empresarial para o impulso da FP en Carballo, que ten “unha oferta estancada a pesar das grandes transferencias de fondos europeos e estatais á Xunta de Galicia”.

Ademais, Costa Trillo alertou de que “o feito de que o profesorado de orientación e pedagoxía terapéutica sexa compartido limita a eficiencia do seu traballo, que resulta fundamental para garantir o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”.

Finalmente, Inés Ramos López denunciou as ratios en tres grupos de bacherelato do IES da Laracha que pasan dos 30 alumnos por aula. “Isto afecta moi negativamente á calidade da ensinanza e supón un incumprimento dos acordos da propia Xunta cos sindicatos CCOO, UGT e ANPE”, lamenta. Ademais, criticou xunto aos outros voceiros socialistas as carencias en profesorado de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Lois García Carballido, ademais de participar nesta reunión, tamén foi parte doutra realizada hai uns días con representantes socialistas de Laxe, Cabana de Bergantiños e Malpica de Bergantiños, que serviu tamén para crear estratexias de acción conxunta coas ANPAs e máis co Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia. Este último presentou recentemente diversas iniciativas para denunciar os recortes educativos na Costa da Morte.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes