Os socialistas da comarca de Bergantiños preparan accións conxuntas para “revertir os recortes en educación da Xunta nos nosos municipios”
Os socialistas da comarca de Bergantiños preparan accións conxuntas, en colaboración coas ANPAs e co Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, co obxectivo de “revertir os recortes en educación da Xunta nos nosos municipios”.
Así o expresou Lois García Carballido, portavoz socialista en Ponteceso. que tamén desempeña o cargo de director de Alta Inspección Educativa da Delegación do Goberno en Galicia.
Carballido participou nunha reunión para tratar esta cuestión con representantes socialistas doutros concellos da comarca. Entre outros, asistiron o voceiro socialista de Laxe, Paco Vidal, o voceiro socialista de Malpica de Bergantiños, Walter Pardo, e o voceiro socialista de Cabana de Bergantiños, Serxio García.
Esta xuntanza produciuse con motivo da presenza dos cargos socialistas na vila de Ponteceso para asistir á entrega dunha nova furgoneta ao Centro Rural Agrupado (CRA) da localidade por parte do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
Posteriormente celebrarase unha nova reunión coa participación das agrupacións socialistas de Coristanco, A Laracha e Carballo, na que seguir afondando nas medidas contra os recortes en educación na comarca.
Na reunión realizada en Ponteceso, os socialistas valoraron estes recortes e acordaron medidas conxuntas para tomar coas asociación de nais e pais e co Grupo Parlamentario Socialista.
“Celebramos a mellora do servizo no CRA grazas á Deputación, pero mentres tanto, a nosa comarca está sendo discriminada no eido educativo por parte da Xunta de Galicia, cun claro déficit de infraestruturas e de oferta educativa”, afirma García Carballido.
“Un exemplo disto son os recortes no CPI Cabo da Area de Laxe, onde as familias están a reclamar que se cubra a praza de especialista en Audición en Linguaxe co apoio dos socialistas da localidade”, apunta.
O socialista sinalou tamén que “en Ponteceso, grazas ás reivindicacións da parlamentaria socialista galega Patricia González Rey, o Concello e a Xunta puxeron un autobús para o alumnado de FP, pero este só cubre as quendas de mañá, polo que esiximos que se extenda o servizo tamén á tarde”.
Carballido pediu tamén “a reparación da vía que vai por detrás do instituto, que está sen alfaltar”, e “que se poña unha marquesiña de autobús para a cativada do lugar de Casas Novas, en Tallo”.
Os socialistas de Malpica, Cabana, Laxe e Ponteceso reclamaron conxuntamente, ademáis, que as oficinas de Abanca dos seus municipios poidan expedir a tarxeta de transporte Xente Nova sen necesidade de acudir a Carballo.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS