Os alcaldes socialistas de Ferrolterra felicitan ao Goberno e ás Forzas de Seguridade polas últimas operacións antidroga e piden continuidade na loita contra o narcotráfico e branqueo de capitais
- Instan aos concellos de Ferrol e Narón, onde se sitúan os “supermercados da droga”, a adoptar tamén medidas no ámbito das súas competencias: vixilancia, a acción social, a prevención e sensibilización da sociedade e a colaboración coas forzas de seguridade
Os alcaldes e responsables municipais socialistas da comarca de Ferrolterra queren trasladar publicamente a súa felicitación ao Goberno de España e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado polas importantes actuacións e redadas antidroga desenvolvidas nos últimos días en Ferrol e Narón, que supuxeron un duro golpe contra o narcotráfico na comarca.
Os representantes socialistas destacan o profesionalismo, a constancia e a eficacia demostrada pola Garda Civil e pola Policía Nacional, así como o compromiso firme do Goberno na loita contra unha lacra que provoca graves consecuencias sociais e persoais, especialmente entre a mocidade e os colectivos máis vulnerables da comarca.
Compromiso na erradiación da lacra do narcotráfico na comarca
O pasado mes de outubro, os alcaldes socialistas da comarca mantiveron en Ferrol unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na que se reclamaron máis medios, coordinación e compromiso por parte de todas as administracións. Aquela xuntanza, sinalan, marcou un punto de inflexión, establecendo unha folla de ruta clara e un compromiso decidido das administracións socialistas para a erradicación da lacra do narcotráfico en Ferrolterra.
Os socialistas subliñan que os resultados das últimas operacións confirman que esa estratexia vai polo bo camiño, e instan ao Goberno de España a continuar e intensificar esta mesma liña de actuación, mantendo os recursos humanos e materiais necesarios para combater non só o tráfico de drogas, senón tamén o branqueo de capitais procedente do narcotráfico, unha das pezas clave para desarticular as grandes organizacións criminais.
Así mesmo, os alcaldes socialistas reiteran a súa reivindicación de crear unha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Ferrol, que conte con axentes preparados para a loita contra o tráfico de drogas e lembran que en Ferrol e Narón siguen existindo grandes puntos de distribución de droga, auténticos “supermercados da droga”, polo que é imprescindible actuar con firmeza e de maneira coordinada para a súa erradicación definitiva.
Piden a Ferrol e Narón implicación e “medidas propias”
Neste contexto, demandan tamén aos concellos de Ferrol e Narón que adopten medidas propias, no ámbito das súas competencias, para contribuír a acabar con estes puntos de venda, reforzando a vixilancia, a acción social, a prevención e sensibilización da sociedade e a colaboración coas forzas de seguridade. “Esta é unha loita que require constancia, unidade de todas as administracións e compromiso político. Desde o PSOE de Ferrolterra seguiremos demandando medidas para que non haxa espazo para o narcotráfico nin para quen se enriquece a costa da destrución de vidas”, conclúen.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS