O PSOE vota en contra dos orzamentos de Lousame ante a falta de investimentos propios, que supoñen só “un 4% do orzamento”
- Prego Ces sinala que “a contía dos orzamentos, que se presentan como os máis altos da historia do municipio, non é froito da boa xestión do goberno municipal, senón do aumento dos investimentos da Deputación”
O PSdeG de Lousame vota en contra dos orzamentos para o ano 2026 no municipio ante a falta de investimentos propios: “O noso municipio precisa dunhas contas que aposten polo territorio e o dinamicen, que permitan avances e que non os fagan depender do que se decide noutras instancias”.
O voceiro socialista local, Juan José Prego Ces, destacou en primeiro lugar que “a contía dos orzamentos, que se presentan como os máis altos da historia do municipio, non é froito da boa xestión do goberno municipal, senón do aumento dos investimentos da Deputación da Coruña no noso Concello”.
“Así se pode comprobar prestando atención ó incremento de máis de cen mil euros no investimento da institución en Lousame a través do Plan Único, ou á aprobación dunha nominativa para financiar o 80 por cento do cambio de céspede do campo de fútbol de Cabanetán, algo que se conseguiu non polo traballo do equipo de goberno, senón da oposición”, engade.
O socialista criticou tamén “a convocatoria do pleno extraordinario un luns para a aprobación dos orzamentos, en pleno Nadal, no venres da mesma semana, deixando unha marxe de menos de cinco días para estudar un documento de tanto calado” co obxectivo de limitar “a capacidade dos demais grupos de facer oposición e propostas”.
Considera que se precisan uns orzamentos “que aposten máis polo concello”, destacando que “a contía aportada con fondos propios é de 147.864,96 euros, un 4% do orzamento, o que fai que dependamos sempre doutras administracións públicas”.
Finalmente, lamenta “a falta de comunicación do equipo de goberno coa oposición”. No propio pleno extraordinario, Prego Ces manifestou o seu rexeitamento a “ter que coñecer determinados programas ou medidas, como neste caso o programa de axudas á natalidade, por redes sociais e non por parte dos concelleiros do equipo de goberno”.
“Ante informacións imprecisas que observamos en determinados medios de comunicación, aclaramos que a crítica que fixemos foi esa, a da falta de comunicación, mais en ningún momento criticou este grupo o programa en si mesmo, aínda que, como o propio alcalde recoñeceu ante unha intervención do concelleiro do BNG, a medida non é suficiente para solucionar o forte problema demográfico que sufrimos”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS