O PSOE-PSdeG da Costa da Morte denuncia o desmantelamento progressivo da sanidade pública galega e apoia a mobilización de Baio en defensa da atención primaria
- O socialista Jorge Domínguez denuncia que “estamos ante un modelo sanitario en risco, especialmente nas zonas rurais”
O PSdeG-PSOE da Costa da Morte manifesta a súa profunda preocupación polo grave deterioro da sanidade pública galega, consecuencia directa das políticas de recortes e da falta de planificación do Goberno da Xunta de Galicia, presidido por Alfonso Rueda.
Neste contexto, os socialistas da comarca confirman a súa participación na concentración convocada en Baio con motivo do Día da Atención Primaria, en defensa dunha sanidade pública accesible, universal e de calidade. Así o anunciaba este venres o coordinador comarcal, Jorge Domínguez.
A mobilización, que terá lugar diante do centro de saúde de Baio, responde á situación “crítica” que vive a Atención Primaria, marcada pola falta de profesionais, a sobrecarga asistencial e as dificultades de acceso á atención sanitaria.
O PSdeG da Costa da Morte acudirá a esta concentración acompañado pola deputada Silvia Longueira, así como por cargos orgánicos e institucionais e militantes da comarca, reafirmando o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos.
Falta de persoal e abandono sanitario na comarca
Desde o PSdeG denuncian que a situación da Atención Primaria na Costa da Morte non constitúe un feito illado, senón que forma parte dun problema estrutural agravado pola inacción da Xunta.
A falta de pediatras, a inestabilidade do persoal médico e mesmo a existencia de períodos sen profesionais dispoñibles evidencian unha situación límite que afecta directamente á calidade asistencial e obriga ás familias a desprazarse ou a asumir demoras e cambios constantes de médico.
Zas é, de feito, un claro exemplo desta falta de persoal médico. Neste sentido, o PSdeG local, a través da súa portavoz Sheila Rial, vén trasladando esta problemática ao debate público e institucional, esixindo á Xunta a cobertura definitiva da praza de pediatría, unha demanda reiterada ante unha situación que non é nova e que continúa sen resolverse.
Para o PSdeG, a política sanitaria da Xunta está a levar ao límite o sistema público: “Por culpa da redución de recursos e da política de desmantelamento que está a levar a cabo o Partido Popular da Xunta de Galicia, estamos ante un modelo sanitario en risco, especialmente nas zonas rurais como a Costa da Morte”, asegura Domínguez.
Chamamento á mobilización cidadá
O PSdeG da Costa da Morte fai un chamamento á veciñanza para participar activamente na concentración de Baio e en todas aquelas iniciativas que teñan como obxectivo defender unha sanidade pública digna. “A sanidade pública non pode depender de parches nin de anuncios propagandísticos. Precisa investimento, planificación e vontade política. E iso é o que hoxe está a fallar na Xunta de Galicia”, sinalan desde a dirección comarcal.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS