O PSOE esixe á Xunta que faga cumprir o contrato do servizo de transporte metropolitano de Ferrol, Neda e Narón
Os socialistas presentarán unha batería de medidas no Parlamento de Galicia, na Deputación da Coruña e na Mancomunidade para esixir que se cumpran os pregos no relativo á prestación do servizo e ós dereitos dos traballadores
O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña vén de anunciar que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia, na Deputación da Coruña e na Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para esixirlle á Xunta de Galicia que actúe para que se cumplan os pregos do servizo de transporte metropolitano en Ferrol, Narón e Neda tanto na prestación do mesmo como no relativo ós dereitos laborais dos traballadores.
Así o veñen de avanzar o secretario xeral do PSdeG Provincial, Bernardo Fernández; o voceiro socialista en Ferrol, Ángel Mato; o deputado no Parlamento de Galicia Julio Abalde e o secretario de Infraestruturas e Transportes do PSdeG Provincial, Julián Reina, tras manter unha reunión en Ferrol cos traballadores deste servizo.
“Denunciamos unha vez máis o funcionamento desastroso dos contratos de transporte público da Xunta de Galicia: en Ferrol vemos como non falla só a prestación, senón que a situación tamén afecta ós propios traballadores da empresa adxudicataria”, lamenta Bernardo Fernández.
O parlamentario Julio Abalde lembra que a Xunta de Galicia “ten a obriga de facer cumplir os pregos” no relativo á actualización salarial dos traballadores subrogados de anteriores empresas concesionarias e tamén á aplicación da reforma laboral, segundo a que prevalece o convenio provincial.
Pola súa banda, o voceiro municipal, Ángel Mato, lamentou a “ausencia” do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, á hora de denunciar “os continuos incumprimentos na prestación dun servizo que está a empeorar moito”.
“Esta situación está a perxudicar gravemente ós veciños de Ferrol, Narón e Neda, impedindo conciliar a vida laboral e familiar: hai que solucionala antes do mes de setembro, cando se complicará moito máis co inicio do curso escolar “, conclúe Mato. Deste xeito, o voceiro socialista empraza ó alcalde de Ferrol a reclamarlle á Xunta de Galicia que actúe, así como ó conselleiro Diego Calvo, “que presume de ferrolán e ten competencia directa nesta materia”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS