O PSOE e o BNG de Muros acordan na Xunta de Goberno diversos investimentos en obras polo mesmo importe do que recibirán do POS+ 2025
-O pleno municipal aprobou destinar os 671.571,49€ do POS+ sen incluír o plan complementario a gastos correntes
O PSdeG-PSOE e o BNG de Muros acordan na Xunta de Goberno arranxar o Pavillón Xosé Lago e o Parque de Ventín e licitar o mantemento de parques e xardíns, entre outros investimentos.
Os dous grupos políticos que forman o Goberno municipal pactaron destinar a estas actuacións unha cantidade similar aos 671.571,49€ do POS+ da Deputación da Coruña que serán dedicados a gastos correntes segundo se aprobou no pleno.
Ademais do arranxo da cuberta do pavillón Xosé Lago, en Esteiro, e o arranxo do parque de Ventín, en Abelleira, tamén se acordaron investimentos no saneamento en Vistavós, Torea.
Así mesmo, decidiuse proceder á licitación do servizo de mantemento de parques e xardíns, os servizos de apoio para os departamentos de Cultura e Deporte, e a poda en altura dos colexios de Educación Primaria e Infantil do municipio.
Este acordo foi asinado por Caridad González Cerviño e María Lago Lestón como voceiras dos grupos municipais do PSdeG e do BNG respectivamente.
“Dende o PSdeG-PSOE de Muros queremos que quede clara a nosa intención de comunicar á veciñanza o compromiso adquirido respecto destes investimentos”, sinala González Cerviño.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS