O PSOE de Ribeira vota non ós orzamentos por seren contraditorios, improvisados, alleos ás necesidades reais, e por investir 0 € no novo polígono industrial
- “Falan de seguridade mentres destinan só 7.500 € a adquirir un vehículo novo para a Policía Local e aproban gastar 10.000 € nun cortacéspede para A Fieiteira, é a mostra máis clara das súas prioridades”, sinala Suárez-Puerta
O Grupo Municipal Socialista de Ribeira votou en contra dos orzamentos municipais ao considerar que son contraditorios co discurso do goberno local, non responden ás necesidades reais do municipio e evidencian unha redacción feita con présas, improvisación e falta de rigor.
O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, advertiu que o documento amosa unha clara distancia entre o que o goberno di e o que realmente fai. “Falan de seguridade, pero destinan só 300 euros á formación da Policía Local, reducen partidas vinculadas a vehículos e conservación, mentres aceptan subidas en alugueiros, seguros, fotocopiadoras ou estudos técnicos sen un destino suficientemente claro”, sinalou.
Suárez-Puerta cualificou de “auténtica tomadura de pelo” que o goberno pretenda adquirir un vehículo novo para a Policía Local por só 7.500 euros e aprobar gastar 10.000 euros nun cortacéspede para A Fieiteira. “É a mostra máis clara da pouca seriedade coa que fixeron os orzamentos e do pouco respecto que teñen polos cartos de todos os veciños e veciñas”, afirmou.
O PSOE tamén cuestiona que se presenten estas contas como unha aposta polos servizos públicos cando se reducen investimentos esenciais. En saneamento, a baixada supera o 16 %; en abastecemento non se incorpora ningunha obra relevante de renovación da rede; e nas obras menores e pavimentacións en parroquias tamén se produce un descenso moi importante.
“Ribeira precisa investimentos útiles, non partidas baleiras repetidas nin gastos que non resolven os problemas da veciñanza”, indicou o voceiro socialista.
Para o Grupo Municipal Socialista resulta especialmente grave que o goberno local non destine nin un só euro a iniciar as obras do novo polígono industrial. “É unha demostración clara do descoñecemento que teñen da realidade laboral e empresarial de Ribeira, e do pouco que lles preocupa que empresas e traballadores teñan que marchar por falta de oportunidades”, advertiu Suárez-Puerta.
O portavoz socialista tamén lamentou a contradición do goberno en materia de festexos. Lembrou que, cando el foi concelleiro de Festexos, o actual executivo criticaba as cantidades destinadas a esta área, mentres agora non só as mantén, senón que as incrementa de maneira exponencial. A partida acada xa os 421.000 euros, unha cifra récord, cun aumento de mais de 114.500 € en apenas uns meses.
Ademais, o PSOE advertiu de erros graves na documentación, con cantidades distintas nas bases dos orzamentos, nos anexos de gastos e na clasificación por programas. “No caso da Festa da Dorna aparecen diferenzas claras entre documentos oficiais, algo que demostra as présas e a falta de coidado coa que se redactaron estas contas”, sinalou Suárez-Puerta.
Para o PSOE, estes orzamentos non representan unha planificación seria nin unha folla de ruta clara para Ribeira. “Son unhas contas que falan dunha cousa e fan a contraria. Por iso votamos non”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS