O PSOE de Ordes denuncia a responsabilidade e falta de transparencia do Concello tras descubrirse o criadeiro ilegal
- Dende a agrupación socialista local lembran as competencias municipais en materia de benestar animal, saúde pública e control de instalacións
O PSdeG-PSOE de Ordes esixe transparencia ao Concello e que actúe tras o descubrimento dun criadeiro clandestino no municipio.
Dende a agrupación socialista local manifestan a súa preocupación polo brutal caso de maltrato animal, xa que no criadeiro ilegal se localizaron centos de animais mortos e outros moitos en condicións críticas.
Reclaman ao Concello que actué e asuma a súa responsabilidade como administración competente en materia de benestar animal, saúde pública e control de instalacións.
Esta responsabilidade implica inspeccionar e controlar criadeiros, garantir que as instalacións non supoñan risco sanitario para a veciñanza, revisar licenzas e autorizacións, sancionar irregularidades, intervir en casos de abandono ou maltrato, e informar e concienciar á cidadanía sobre os dereitos dos animais e a normativa vixente.
Dende o PSOE local denuncian tamén que “o Concello non informou á veciñanza sobre o estado actual do caso, pese ás súas implicacións en saúde pública, provocando especulacións e xerando inquietude entre os veciños e veciñas”.
Co obxectivo de clarificar os feitos, o Grupo Municipal Socialista preguntará no próximo pleno municipal cal era a información que tiña o Concello sobre esta situación e se se recibiron queixas veciñais con anterioridade.
“O Concello debe actuar con transparencia e reforzar os mecanismos de control, é imprescindible revisar as ordenanzas municipais e poñer en marcha campañas de sensibilización cidadá para protexer aos nosos animais e garantir a saúde pública”, subliñan dende o grupo socialista.
Insisten tamén en que o foco debe estar “na prevención e na actuación institucional, de modo que situacións deste tipo non se volvan repetir no municipio”.



Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS