Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Ordes acusa a Martínez Sanjurjo de “poñer ao PP por diante dos intereses de Ordes” no conflito da N-550

  • ”Xa chegará o tempo de pedir o voto para Feijóo, pero mentres tanto abandone a trincheira política e goberne para os veciños e veciñas de Ordes, non para o PP”, replica al alcalde a portavoz socialista, Noelia Rivadas
  • Os socialistas acusan ao alcalde de ocultar “a súa incapacidade de xestión” coa confrontación permanente co Goberno e coa Deputación, que mantén “un investimento histórico no municipio”

O PSOE de Ordes cargou hoxe con dureza contra o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, ao que acusa de actuar “máis como portavoz do Partido Popular que como alcalde de todos os veciños e veciñas de Ordes” tras as súas declaracións sobre a conexión da futura Ronda Sur-Oeste coa N-550.

A portavoz socialista, Noelia Rivadas, considera que Sanjurjo “vive instalado na confrontación permanente” co único obxectivo de “facer oposición política ao Goberno de España e á Deputación”, en lugar de defender os intereses do municipio.

“Hoxe o alcalde xa pide descaradamente o voto para Feijoo. Xa chegará o tempo de pedir o voto para Feijóo, pero mentres tanto o que lle corresponde é abandonar a trincheira política e gobernar para os veciños e veciñas de Ordes, non para o PP”, afirmou Rivadas.

Os socialistas reiteran que o problema da conexión da ronda coa N-550 é consecuencia dunha “chapuza de planificación da Xunta”, que proxectou unha nova infraestrutura autonómica “sen resolver previamente o nó de conexión coa estrada estatal”.

“O Ministerio deseñou unha glorieta para mellorar a seguridade viaria nun punto especialmente perigoso da N-550. O que non fixo a Xunta foi explicar como pensaba encaixar aí unha nova ronda sur-oeste, con máis tráfico e máis conexións. Iso é o que o señor Sanjurjo intenta tapar atacando a outras administracións”, sinalou a portavoz socialista.

Rivadas considera “incomprensible” que o alcalde “prefira saír en defensa da Xunta antes que reclamar unha solución seria e segura para Ordes” e lamenta que “todo o seu discurso político se basee en botar balóns fóra”.

“O señor Sanjurjo utiliza constantemente a confrontación para ocultar a súa incapacidade de xestión. Mentres dedica o tempo a facer oposición ás administracións gobernadas polo PSOE, estas seguen investindo en Ordes como nunca antes”, apuntou.

Neste sentido, o PSOE lembrou que a Deputación da Coruña mantén no municipio “un nivel de investimento histórico”, multiplicando ata por tres os investimentos que recibía Ordes cando o PP gobernaba a institución provincial. “Os veciños e veciñas de Ordes non precisamos un alcalde en campaña permanente nin un delegado político de Feijóo. O que precisamos é un alcalde que defenda os intereses do municipio por enriba dos intereses do Partido Popular”, concluíu Noelia Rivadas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes