O PSOE de Mugardos propón “un goberno estable para sacar o municipio da parálise do PP”
O PSdeG-PSOE de Mugardos propón ao BNG e a Esquerda Unida conformar “un goberno estable para sacar o municipio da parálise do PP”.
O Partido Popular goberna Mugardos en minoría con 6 concelleiros, mentres que o BNG conta con 3 edís, o PSOE tamén con 3, e EU con 2.
“Para saír desta situación, as tres forzas da esquerda en Mugardos debemos comprometernos a asinar un acordo de mínimos que marque as liñas de actuación dun futuro Goberno de Progreso na localidade”, sinala o voceiro socialista local José Ángel Martínez Bardanca.
Nesta liña, dende a Agrupación Socialista local propoñen ao BNG “conformar un goberno en paridade con alternancia na alcaldía, un modelo de éxito noutros municipios cunha situación similar”.
“A nosa proposta integra tamén a Esquerda Unida, que debe estar representada nun novo goberno alternativo e comprometido con Mugardos”, indica Martínez Bardanca.
“EU non pode limitarse a un apoio puntual para unha moción de censura, é necesaria tamén a súa implicación para sacar adiante as medidas que precisa a localidade”, resalta.
O voceiro socialista sinala que este acordo é necesario para abordar “unha situación insostible, xa que Mugardos se deteriora día a día pola mala xestión dos recursos”.
“O incumprimento do prazo de pagos a provedores e a falta de pagamentos están a provocar que as licitacións de contratos de mantemento, servizos e obras queden desertos”, lamenta o socialista, polo que “é urxente un programa de axuste como que xa presentamos desde o PSOE en outubro de 2023”.
“O PP está a optar pola externalización dos servizos de mantementos cando, desde o noso punto de vista, é necesario o aproveitamento de recursos municipais que melloren os servizos que presta o concello”, engade.
En consecuencia, Martínez Bardanca afirma que “a vila presenta unha imaxe de abandono pola falta de persoal e medios municipais para atender as necesidades urxentes, as reparacións e as obras de conservación”.
“Os servizos e axudas vanse atrasando progresivamente e o mesmo sucede coa cobranza dos recibos, o que supón, ademais dun buraco nas arcas municipais, un prexuízo aos veciños que non saben cando terán que desembolsar os recibos pendentes”, destaca o voceiro.
A proposta do PSOE
Para dar resposta a todo isto, a proposta de Goberno da agrupación socialista baséase “no establecemento de liñas de actuación concretas e medidas para o axuste económico fundamentado no equilibrio de gastos e ingresos”.
“Faise imprescindible identificar os gastos superfluos e analizar as necesidades actuais máis urxentes, así como planificar a execución das obras necesarias a curto prazo”, apuntan.
“Tamén é necesario un axuste das ordenanzas que permita adecuar os ingresos á situación actual, e que as forzas de esquerdas acorden uns orzamentos estables, realistas e realizables”, subliña Martínez Bardanza.
O socialista mugardés considera que esta proposta de goberno é “proporcional, integradora e construtiva, e permite un compromiso sólido dos tres grupos que faga posible un novo goberno, un goberno que execute as actuacións urxentes que tanto precisa a nosa vila”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS