Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Mañón rexeita a especulación urbanística na antiga base americana de Estaca de Bares e defende a súa recuperación para usos públicos patrimoniais

  • Os socialistas piden ao Concello que explique a aparición dun proxecto privado para construír aloxamentos turísticos tras a súa proposta de implicar á Deputación na recuperación dun espazo de alto valor histórico, patrimonial e natural

O PSOE de Mañón alerta sobre o risco de especulación urbanística na antiga base militar estadounidense de Estaca de Bares, un espazo de titularidade municipal, de enorme valor histórico, patrimonial e natural, que debe ser recuperado para usos públicos e non convertido nun proxecto privado de carácter lucrativo.

Os socialistas lembran que o pasado 28 de novembro o pleno de Mañón aprobou unha moción do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE para solicitar a cesión da antiga base á Deputación da Coruña, co obxectivo de incluíla no Plan de Recuperación e Posta en Valor das Baterías de Costa de Ferrolterra. Esta iniciativa pretendía rescatar do abandono máis de 65.000 metros cadrados de instalacións construídas en 1960, situadas nun enclave único do litoral galego, dentro dun espazo protexido da Rede Natura 2000.

O portavoz do PSOE de Mañón, Martín Rego, chama a atención sobre a coincidencia no tempo entre esa proposta aprobada polo pleno —que aposta por unha solución pública, cultural e patrimonial— e a recente difusión dun proxecto privado que avalaría o Concello para transformar a antiga base nun complexo de aloxamentos turísticos. “Resulta preocupante que, xusto despois de abrir que os socialistas abramos o debate sobre a recuperación deste espazo coa implicación da Deputación, se dea a coñecer unha iniciativa privada destas dimensións para un espazo que é de todos”, sinalan.

Os socialistas insisten en que Estaca de Bares foi un enclave singular durante a Guerra Fría, un lugar de gran importancia estratéxica e tamén un punto de contacto social e cultural entre a poboación local e o persoal estadounidense. Tras o seu desmantelamento en 1991, o abandono progresivo non pode servir de xustificación para a súa privatización encuberta nin para operacións urbanísticas alleas ao interese xeral.

“O futuro da antiga base debe pasar pola súa integración nun proxecto público, como o que xa está a desenvolver a Deputación da Coruña noutros concellos como Valdoviño, Ares ou Ferrol, recuperando antigas instalacións militares como recursos culturais, educativos e turísticos sostibles”, lembran desde o PSOE de Mañón.

O PSOE de Mañón subliña que calquera proposta de futuro para este enclave debe abordarse con transparencia, debate público e evitando decisións unilaterais que comprometan un patrimonio que pertence á veciñanza. “Non podemos permitir que un espazo tan emblemático e singular remate convertido nun proxecto turístico máis, cando outros espazos emblemáticos como o Semáforo seguen pechados e abandonados sen que se faga nada por parte do Concello”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes