Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Malpica denuncia que o alcalde “cobra os desprazamentos para visitar obras ou asistir a reunións dentro do propio concello”

Os socialistas de Malpica denuncian públicamente que o alcalde do PP, Eduardo Parga, “cobra dietas por desprazamentos que realiza dentro do propio concello”.

“Segundo a información á que tivemos acceso, o rexedor vén percibindo compensacións económicas en concepto de desprazamento por asistir a reunións veciñais, obras ou actos institucionais dentro dos límites do concello, algo que consideramos totalmente irregular e contrario á ética na xestión dos recursos públicos. As dietas por desprazamento están concibidas para cubrir gastos derivados de viaxes fóra do municipio, non para desprazamentos cotiáns dentro do mesmo”, asegura o PSOE.

O alcalde Eduardo Parga pasou ao Concello de Malpica 1.750,26 euros “por desprazamentos para exercer as funcións da alcaldía” no ano 2024 e 2.126,72 euros no 2023.

Entre os gastos, figuran por exemplo 7,80 euros por revisar desbroces nas parroquias o 28 de agosto de 2024; 9,10 euros o 22 de maio de 2024 “por percorrer as parroquias para ver as necesidades dos veciños”; 5,20 euros por “unha reunión en Leiloio e Cambre” en febreiro de 2023, ou incluso 0,52 céntimos por un desprazamento para visitar unha obra.

O PSOE considera que “esta situación resulta aínda máis preocupante nun contexto no que as arcas municipais deben empregarse con responsabilidade e transparencia, garantindo que cada euro dos contribuíntes sexa destinado a mellorar os servizos públicos e a atender as necesidades reais da veciñanza”.

POS 2025

Por outra parte, no pleno de onte o Concello de Malpica aprobou co voto en contra dos socialistas o POS 2025: “O goberno local só fará unha obra, o resto vai a gasto corrente pola pésima situación económica local”.

Nas primeiras conversas entre os grupos políticos municipais, contemplouse a inclusión do cambio de céspede do campo ‘Pedra Queimada’ (264.000 euros), “unha proposta que fixemos por primeira vez os socialistas nun pleno e o PP votou en contra”; así como a mellora e ampliación da estrada dende Brión aos Castros (210.000 euros); a renovación dunha pista en Filgueira, e 70.000 euros para gasto corriente.

Finalmente, só se fará o cambio de céspede, destinándose a gasto corrente 274.000 euros. Pasa ao POS Complementario a obra en Brion e non se realizará a actuación na pista de Filgueira.

“Somos os primeiros que queremos obras, pero non podemos ser cómplices desta nefasta xestión que tanto dano fai aos veciños”, sostén Walter Pardo, portavoz do PSOE.

O PSOE lembra que “o concello gastou xa 800.000 euros do POS en gasto corrente nos anos 2022, 2023 e 2024, ademais de 3 millóns que deixamos de remanente tamén nos 3 últimos anos”.

“Os veciños e veciñas ven agora o resultado da xestión, tres anos de gastos en festas e carpas, mentres as rúas quedan sen limpar e os contedores de listo están nun pésimo estado, por poñer dous exemplos”, engaden os socialistas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes