Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Curtis denuncia o “oscurantismo” do Goberno local arredor da planta de biometano e critica o uso dos recursos municipais

  • O PSOE de Curtis insiste en denunciar o que considera unha falta de transparencia por parte do alcalde en relación coa planta de biometano, un asunto sobre o que, segundo sinalan os socialistas, a veciñanza segue sen recibir información suficiente

O secretario xeral local do PSOE, Fernando Rey Leira, reclamou novamente a convocatoria dunha reunión aberta á cidadanía para explicar a situación do proxecto e resolver as dúbidas existentes. “Levamos tempo denunciando o oscurantismo co que o alcalde está tratando este asunto e seguimos solicitando unha reunión aberta á veciñanza para que se informe con claridade aos veciños e veciñas, que son quen contribúen co pago do seu soldo”, afirmou.

Desde o grupo socialista tamén critican determinados gastos asumidos con fondos municipais. Entre eles, sinalan o custo de aproximadamente 60.000 euros destinado ao enchido dun depósito situado nas naves da feira, así como gastos relacionados co lavado dun vehículo municipal.

Segundo Fernando Rey Leira, estas actuacións forman parte dunha dinámica habitual do actual Goberno local. “Estamos a ver como se convocan comidas, ceas, cafés e outro tipo de encontros cuxos gastos acaban repercutindo nas arcas municipais, é dicir, nos cartos de todos os veciños e veciñas”, indicou.

O responsable socialista tamén cuestionou os desprazamentos realizados polo rexedor entre Curtis e Santiago, asegurando que mentres o alcalde realiza estes traxectos, a cidadanía continúa asumindo gastos que consideran innecesarios.

Desde o PSOE de Curtis aseguran que continuarán fiscalizando a acción do Goberno municipal e vixiando o uso dos recursos públicos. “Traballaremos arreo para poñer freo a estas prácticas e para que exista un especial coidado cos cartos de todos os veciños e veciñas de Curtis”, concluíu Fernando Rey Leira.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes