O PSOE de Curtis alerta das posibles consecuencias da macroplanta de biogás do municipio: cheiros, tráfico continuo de camións con toneladas de puríns de toda Galicia e posible afectación ambiental
- Instan ao alcalde a “dar a cara” e convocar unha reunión aberta coa veciñanza de Teixeiro para explicar os detalles do proxecto, que xa está nunha fase moi avanzada e será clave para o futuro do municipio
O PSOE de Curtis, a través do seu secretario xeral, Fernando Rey Leira, insta ao alcalde, Javier Caínzos, a “dar a cara” e “convocar de forma urxente unha reunión aberta coa veciñanza para explicar en detalle o proxecto da macroplanta de biogás prevista en Teixeiro”, unha iniciativa que consideran de enorme impacto e que pode afectar gravemente á calidade de vida dos veciños e veciñas da zona.
Os socialistas denuncian “falta de transparencia” e “ocultación” deste proxecto por parte do goberno municipal de Caínzos, a pesar de que se trata dunha iniciativa moi avanzada desde o punto de vista de tramitación administrativa, xa adxudicada á empresa Norbiogás e que conta co respaldo da Xunta de Galicia, que a declarou proxecto industrial estratéxico. “A planta está xa moi avanzada na súa tramitación, conta co aval ambiental condicionado e o apoio da Xunta, pero que aínda non conta coa aprobación definitiva nin se iniciaron as obras, polo que aínda estamos a tempo de saber como pode afectar á veciñanza do noso concello”, sinala Rey Leira.
Unha macroplanta que tratará 150.000 toneladas de residuos ao ano
Dende o PSOE subliñan que a instalación prevista é unha “macroplanta con capacidade de tratamento de ata 150.000 toneladas de residuos ao ano pero que só xera entre 10 e 20 empregos directos” e inciden na contestación social que estes proxectos teñen noutras zonas con instalacións similares.
En primeiro lugar, os malos olores e emisións derivados do tratamento de toneladas de residuos como puríns e lodos procedentes de granxas de toda Galicia que se centralizarán no polígono industrial de Teixeiro. Un asunto que xerou o rexeitamento frontal por parte da veciñanza noutras zonas de Galicia como Laracha- que finalmente rexeitou a implantación no municipio dunha planta similar debido á presión veciñal- ou a da comarca da Limia, en Ourense.
Tamén poñen o foco no tráfico e na seguridade, xa que o funcionamento da planta implicará a circulación constante de camións cargados con toneladas de puríns e lodos procedentes de distintos puntos de Galicia para ser tratados en Teixeiro. “Un tránsito continuo de camións que terá impacto no tráfico, na seguridade viaria e que previsiblemente tamén xerará cheiros de maneira permanente”, advirten.
Por último, alertan do posible impacto ambiental da macroplanta, especialmente no relativo á protección das augas. “As dúbidas sobre a posible afectación aos acuíferos e aos ríos da contorna que deben ser aclaradas con total transparencia e rigor por parte do alcalde e da Xunta de Galicia”, sinalan desde o PSOE local.
“O modelo que pretende implantar Caínzos e o PP é claro: os beneficios quedan nas mans das empresas mentres Curtis asume os residuos, os cheiros e as molestias”, critica Rey Leira.
Por todo isto, o PSOE de Curtis esixe ao goberno municipal que deixe de actuar con opacidade, facilite toda a información dispoñible e abra un proceso de diálogo real coa veciñanza sobre un proxecto que consideran determinante para o futuro do municipio.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS