O PSOE de Coristanco insta á Xunta de Galicia a incluír obras no municipio nos seus orzamentos
-Reclama a construción de dúas sendas, melloras no colexio Canosa-Rus, e compromisos para a creación do polígono industrial
O Grupo Municipal Socialista de Coristanco presenta unha moción para instar á Xunta de Galicia a incluír diversas obras no municipio nos seus orzamentos para 2025.
En palabras do voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda, “vemos como a Xunta de Galicia, un ano máis, volve decepcionar a Coristanco nos seus orzamentos”.
“Nesta ocasión volve incluír unha partida orzamentaria nos presupostos para o 2025, que xa vén de anos anteriores, destinada ao polígono industrial”, explica Pérez Abelenda.
Porén, “o Partido Popular fala dese polígono tan ansiado dende hai máis de 20 anos, pero ata o de agora, por moito compromiso que a Xunta indique, a realidade é outra”, lamenta.
“O Partido Socialista presentará emendas a eses orzamentos para que inclúan certas actuacións que consideramos que son competencia da Xunta e que se deben facer en Coristanco”, sinala o voceiro.
“Por iso, a través dos compañeiros e compañeiras do Grupo Parlamentario Socialista, presentaremos dúas emendas para a construción de dúas sendas en Coristanco”, destaca.
Unha será na zona da Agualada, dende Bieite ata o centro da Agualada, e outra será dende Coristanco ata a zona de Centiña, aproveitando que está tamén o acceso cara a área recreativa da Rocheira.
“Ademais, queremos que a Xunta de Galicia actúe no colexio Canosa-Rus, porque dadas as deficiencias que presenta o edificio, presentadas no consello escolar antes do parón vacacional, consideramos que se debe actuar de urxencia”, indica o socialista. “A parte, este é o único colexio de Coristanco que non ten un polideportivo, e queremos que a Xunta de Galicia polo menos faga o proxecto para esta infraestrutura no recinto escolar”, engade.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS