Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha presentará unha emenda ós orzamentos para incluír as reivindicacións da Policía Local

O PSdeG-PSOE da Laracha presentará mañá, martes 18 de febreiro, unha emenda á totalidade dos Orzamentos municipais para 2025 no pleno extraordinario convocado para debatilos.

A voceira socialista local Inés Ramos López sinala que esta emenda ás contas vén motivada por considerar que “é fundamental que se contemplen nelas as reivindicacións do corpo de Policía Local”.

“Levamos demasiados meses sen Policía Local, e por iso, por este motivo, consideramos fundamental que se teñan en conta estas reivindicacións”, apunta a concelleira.

Dende o PSOE local propoñen que os e as axentes “teñan a porcentaxe de perigosidade, que neste momento na RPT aparece valorada cun 0%”. Tamén que se contemplen pluses por turnicidade e que se equipare a súa retribución salarial á doutros concellos.

“En xeral, que se establezan unhas condicións de calidade, unhas condicións dignas para que o Corpo de Policía Local do Concello da Laracha volva funcionar”, sinala Ramos López.

Na emenda que presentará o Grupo Municipal Socialista sinala que “a falta de previsión e resposta por parte do Concello agravou unha crise que so pode resolverse mediante a devolución orzamentaria que priorice a reposición de efectivos e a mellora das súas condicións laborais”.

“Por outro lado, hai uns días preguntamos ó alcalde na radio, en concreto en Radio Voz, por que non se tiveran aprobado con anterioridade estes presupostos”, explica a socialista.

“A resposta do alcalde foi que non podía aprobar os presupostos ata que non tivera datos que lle facilitaría o propio presuposto estatal”, relatou, engadindo que “agora a situación segue sendo a mesma, seguimos sen presuposto estatal pero agora si hai presuposto na Laracha”.

“Non sabemos que é o que puido cambiar, pero este argumento que nos deu o alcalde hai unhas semanas, como todo o que adoita expresar, é inválido e pouco certo”, concluíu.

Declaracións de Inés Ramos, A Laracha – 17/2
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes