-O Grupo Municipal Socialista presentou unha moción neste sentido, ademáis doutra para reclamar que todos os membros da corporación municipal, sexan ou non do Goberno, poidan participar axeitadamente nos actos públicos nos que deba estar representado o Concello.
-Tamén presentará unha moción reclamando “a reagrupación de irmáns, separados ao ser matriculados en centros distintos, nun mesmo centro educativo”.
O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia que, nos centros educativos do municipio, “a Xunta incumpre as ratios máximas de alumnos por clase e recortou horas de profesorado, o que repercute moi negativamente na calidade da ensinanza”.
Así o expresou a voceira socialista local Inés Ramos López, que sinalou que esta situación afecta tanto ao IES Agra de Leborís como ao CEIP de Caión, ao CEIP Alfredo Brañas e ao CEIP Ramón Otero Predayo. “No caso do Ramón Otero Predayo recortáronse 2h da xornada de cada docente, reducindo un total de 90 hotas de profesorado no centro, sen contratar a máis profesionais”, engade.
O Grupo Municipal Socialista presenta unha moción ao pleno municipal que insta á Xunta de Galicia a “dar cumprimento, de maneira inmediata, das ratios máximas incluídas nos acordos asinados pola Consellería e as organizacións sindicais CCOO, UGT e ANPE”.
Ademais a moción reclama tamén dotar de recursos “ao persoal de apoio e especialistas para que en todos os centros podan dar apoio ao alumnado con necesidades especiais que permita a verdadeira integración do alumnado con necesidades educativas especiais”. “As necesidades específicas requiren unha maior dedicación por parte do profesorado, o que resulta difícil en aulas saturadas”, apunta a moción.
O PSdeG local presenta tamén outra moción para reclamar que todos os membros da corporación municipal, sexan ou non do Goberno, poidan participar axeitadamente nos actos públicos nos que deba estar representado o Concello.
“Certo é que dunha forma habitual (aínda que houbo esquecementos e algunha que outra comunicación tardía) por parte do equipo de goberno recibimos as comunicacións e invitacións para actos oficiais, pero tamén é certo que hai moitísimos actos, que pese a non ser rigurosamente protocolarios, sí son de especial interese para amosar a unidade de acción da Corporación Municipal”, indícase na moción.
Os socialistas piden, en consecuencia, a creación dun Regulamento sobre Participación e Protocolo dos Membros da Corporación Local en Actos e Eventos, co obxectivo e asegurar “unha representación xusta e plural do noso Concello”.
Finalmente, presentarán tamén outra moción esixíndolle á Xunta de Galicia “a reagrupación de irmáns, separados ao ser matriculados en centros distintos, nun mesmo centro educativo”.
“No CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión e no CEIP Ramón Otero Pedrayo hai a día de hoxe familias esperando, dende o mes de xullo, a que dende a X. Territorial se escolarice aos seus fillos/fillas, chegando a límites tales como que nunha mesma familia un dos fillos sexa escolarizado nun centro do Concello da Laracha e outro/s fillo/s nun centro distinto da mesma localidade”, sinálase na moción.
Inés Ramos reclámalle á Xunta que “dote aos centros dos recursos necesarios para solucionar esta situación, posto que dificulta moitísimo algo tan fundamental hoxe en día como é a conciliación da vida laboral e familiar”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS