O PSdeG reúnese co comité de empresa de Losán para coñecer a situación dos traballadores
- Silvia Longueira, Diego Fernández e Obdulia Taboadela mantiveron unha xuntanza cos representantes laborais para analizar a situación das 200 persoas afectadas polos impagos salariais
O PSdeG-PSOE mantivo unha xuntanza na Coruña co comité de empresa de Losán para coñecer de primeira man a situación laboral que están a atravesar os traballadores e traballadoras da compañía.
No encontro participaron a deputada no Parlamento galego Silvia Longueira, secretario de organización provincial Diego Fernández e a deputada no Congreso pola provincia Obdulia Taboadela.
Durante a reunión, os representantes sindicais trasladaron a preocupación existente entre o cadro de persoal pola falta de liquidez da empresa e polos impagos salariais que afectan ao persoal desde o pasado mes de outubro.
Silvia Longueira explicou que “os 200 traballadores do Grupo Losán están a atravesar unha situación laboral límite, xa que a falla de liquidez de empresa fai que leven sen percibir os seus salarios desde o mes de outubro”.
A deputada subliñou que as mobilizacións realizadas polo persoal teñen como obxectivo defender os seus dereitos laborais, o cobro das cantidades pendentes e a continuidade da actividade industrial. “Coa mobilización que levaron a cabo están a defender os seus dereitos laborais, o cobro dos salarios que se lles debe e a garantía dun futuro para as fábricas”, sinalou.
Segundo indicou Longueira, esta reivindación “trátase dunha loita xusta que está baseada na defensa do traballo digno e da actividade produtiva e do tecido industrial do país”.
Desde o PSdeG-PSOE, trasladouse ao comité de empresa a vontade de colaborar para facilitar solucións á situación que están a vivir as familias afectadas. “Queremos servir de ponte para que estas 200 familias atopen a solución que asegure a súa carreira laboral”, concluíu a deputada.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS