O PSdeG reclámalle á Xunta que cofinancie a construción dun pavillón deportivo en Oroso
- “Dende o PSOE de Oroso tiñamos todo encamiñado”, pero o Goberno local do PP “decidiu paralizalo todo”, lamenta o secretario xeral local Fernando Gutiérrez
O PSdeG-PSOE presentará no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta que cofinancie a construción dun novo pavillón deportivo en Oroso, incluíndoo nos seus orzamentos para o ano 2026.
“Dende o PSOE de Oroso tiñamos todo encamiñado, proxecto, ubicación e fondos dispoñibles para facer realidade o novo pavillón polideportivo”, explica o secretario xeral local Fernando Gutiérrez. “Pero o goberno do PP decidiu paralizalo todo”, lamenta.
“Preguntámonos por que renunciou os 500.000€ de fondos da deputación, por que non lle gusta ubicación”, declara Gutiérrez. “A resposta é clara, porque era unha proposta dos socialistas de Oroso”, afirma.
“Mentres tanto, os nosos veciños e veciñas seguen sen a instalación que se merecen”, critica, engadindo que lle piden ao Partido Popular “que deixe as escusas que se poña a traballar, Oroso merece un pavillón e meréceo xa”.
Por esta razón, o deputado socialista no Parlamento galego Aitor Bouza anuncia que levará a cuestión á cámara para “instar á Xunta de Galicia a que se comprometa con Oroso”. “Facémonos eco das reivindicacións veciñais”, apunta.
Bouza busca que a Xunta comprometa “unha partida específica para que se poida cofinanciar a construción do pavillón”, xa que a Deputación da Coruña xa fixo ese compromiso. “Pedimos á Xunta de Rueda que escoite á veciñanza de Oroso para que se acometa esta obra cofinanciada con recursos da Xunta de Galicia, así o debatiremos na propia sede parlamentaria e tamén faremos unha emenda aos orzamentos”. conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS