Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclámalle á Xunta axudas para a accesibilidade das persoas xordas na preparación de oposicións

  • Aitor Bouza anunciou esta reivindicación nunha xuntanza coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra

Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento galego, xunto a integrantes da Agrupación Socialista Local de Ferrol, reuniuse coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra para escoitar as súas inquedanzas e reivindicacións, co obxectivo de trasladalas ao Parlamento de Galicia.

“Puidemos ver un caso dunha das persoas que integran esta asociación que realmente ten problemas de accesibilidade para poder estudar e acceder a un emprego público porque non ten a posibilidade de que haxa un intérprete dentro das clases para poder preparar esas oposicións”, explicou Bouza.

“Escoitando esta demanda social importante para nós, para que realmente se poida garantir un dereito fundamental das persoas xordas, imos a instar a Xunta de Galicia e esixirlle tamén ao Goberno galego que estableza un programa de axudas”, engadiu o socialista.

O deputado autonómico pide que se financien as medidas de accesibilidade na formación para a preparación de oposicións, que se recoñezan expresamente estes servizos de interpretación como gasto para a accesibilidade e que se adapte o material para que se poida acceder ao mesmo.

“Non soamente se ten que adaptar o propio exame ás propias características e necesidades das persoas xordas, senón que tamén a formación previa é moi importante”, salientou o parlamentario socialista, que considera que isto é clave para garantir “a igualdade real e efectiva que contempla a propia Constitución”.

“Por iso temos que promover que, no marco destas competencias da Xunta de Galicia, se cumplan estes requisitos e condicións de accesibilidade, tamén para que os centros e as academias se poidan ir adaptando a estas necesidades que son tan importantes para garantir os dereitos de toda a cidadanía”, apuntou.

Así, instou a desenvolver “a normativa que sexa precisa para que se recoñeza este dereito á formación preparatoria para as oposicións e que se inclúa esa presenza de lingua de signos cando sexa preciso, para que realmente non se conculque ningún dereito”.

“Por último, queremos que, en diálogo co movemento asociativo, se faga un protocolo para que esa accesibilidade non quede simplemente en palabras bonitas, senón que na realidade se dote orzamentariamente para que exista de maneira clara, no orzamento da Xunta de Galicia, unha liña e unha partida que permita que realmente esa preparación se poida facer con garantías”, concluíu.


Aitor Bouza – persoas xordas Ferrolterra – abr26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes