O PSdeG reclama en Carballo que a AG-55 reciba “as mesmas bonificacións que está a aplicar o Goberno de España na AP-9 e na AP-53”
-A deputada autonómica Patricia Iglesias sinalou que unha persoa que utilice todos os días esta autoestrada gasta “unha media de 130€ a parte da gasolina” ao mes
O PSdeG-PSOE reclamou en Carballo que a Xunta de Galicia aplique na AG-55 as mesmas bonificacións que o Estado aplica na AP-53 e na AP-9.
Patricia Iglesias Rey, deputada socialista no Parlamento de Galicia, e Aitor Bouza Manso, secretario de Acción Territoral do PSdeG, acudiron a Carballo xunto a portavoces socialistas dos Concellos da comarca.
Iglesias sinalou que “unha persoa que utiliza todos os días a autoestrada da Costa da Morte, Carballo-Coruña ou viceversa, ten unha media de 130 euros a parte da gasolina que lle costará o mes” de gasto.
“Reivindicamos a gratuidade da AG 55, da autovía da Costa da Morte, xa que vertebra esta bisbarra tan importante como polo económico, un dos máis puxantes de toda Galicia”, explicou a socialista.
“Queremos as mesmas bonificacións que está a aplicar o Goberno de España na AP-9 e na AP-53″, recalcou, engadindo tamén que “xa non hai escusas para o señor Rueda, que aposte pola gratuidade”.
Pola súa banda, Aitor Bouza esixiu a Rueda “que deixe a confrontación permanente co Goberno do Estado e que xustamente aplique aquí en Carballo, e en toda a zona da Costa da Morte, as mesmas bonificacións que se están aplicando na AP-9 e na AP-53″.
“O goberno socialista de Pedro Sánchez o que fixo foi pular porque realmente as comunicacións, neste caso por estrada, non sexan un luxo e un privilexio, senón que pasen a ser un dereito”, indicou o socialista, engadindo que “o que queremos é que as galegas e galegos poidan desfrutalo xustamente en igualdade de condicións”.
Sinalou que a gratuidade da AG-55 é “unha reivindicación para a que o Partido Socialista se volcou e se seguirá volcando ata que o goberno de Rueda deixe de mirar cara outro lado”.
“Estamos e estaremos, coma sempre, ao carón dos galegos e das galegas para poder reivindicar algo que nos parece non só de xustiza, senón neste caso, de igualdade”, afirmou Bouza. “Non deixaremos de levalo non só ao Parlamento de Galicia, senón tamén aos concellos desta bisbarra e da bisbarra da Costa da Morte para poder exixirlle ao Goberno de Rueda que se implique”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS