O PSdeG reclama á Xunta que retire o cofinanciamento para a construción da pista de skate no Parque Antón Varela de Canido
- Os socialistas rexistraron unha batería de iniciativas no Parlamento para pedir que se busque unha localización alternativa e que se garanta a protección dos Lugares de Memoria Democrática de Ferrol
O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia vén de rexistrar no Parlamento un conxunto de iniciativas para reclamar á Xunta de Galicia que retire o cofinanciamento previsto para a construción dunha pista de skate no Parque Antón Varela de Canido, en Ferrol, un espazo declarado Lugar de Memoria Democrática.
Segundo explicou o deputado socialista Aitor Bouza, o rexistro desta iniciativa prodúcese despois de coñecerse que a Xunta asumirá o 50 % do financiamento da actuación. Bouza sinalou que a decisión chega a “pesar do debate de votación que houbo no Consello da Memoria de Ferrol, no que se rexeitaba por práctica unanimidade, excepto polo Partido Popular, a instalación dun skatepark no Parque Antón Varela de Canido”.
No texto da iniciativa, o PSdeG lembra que a Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática, establece a obriga das administracións públicas de conservar, dignificar e protexer os Lugares de Memoria Democrática, evitando actuacións que poidan alterar os seus valores históricos, patrimoniais ou simbólicos.
Por este motivo, a proposición non de lei insta ao Goberno galego a retirar a cofinanciación prevista para a infraestrutura deportiva, solicitar ao Concello de Ferrol unha localización alternativa compatible coa preservación do Memorial das Vítimas da Ditadura, garantir que ningunha actuación financiada pola Xunta afecte aos espazos de memoria democrática, solicitar os informes preceptivos antes de financiar actuacións nestes ámbitos e colaborar co Estado e co Concello na protección e posta en valor do memorial.
“Ímoslle esixir ao señor Rueda que retire de maneira inmediata o cofinanciamento previsto para a construción desta pista de skate no Parque Antón Varela de Canido”, afirmou Bouza, quen defendeu que o memorial “é imprescindible para a reparación, para a xustiza, para non esquecer un pasado que non queremos que se volva repetir e para o cumprimento efectivo da Lei de Memoria Democrática”.
Bouza insistiu en que a Xunta debe demandar do Concello de Ferrol unha localización alternativa para esta infraestrutura e reclamou que “ningunha das actuacións que financia a Xunta de Galicia afecte aos Lugares de Memoria Democrática nin aos espazos integrantes de Ferrol Cidade da Memoria”. O deputado concluíu “esixindo ao Señor Rueda que cumpla coa lei, nada máis nin nada menos, que escoite as demandas das veciñas, dos veciños e da Asociación de Memoria Democrática e que cumpra coa lexislación vixente”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS