Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama á Xunta que financie a construción do polígono industrial de Pedras Vermellas en Ribeira

O PSdeG-PSOE reclama á Xunta de Galicia o financiamento da creación do polígono industrial de Pedras Vermellas, no municipio de Ribeira. 

O Grupo Municipal Socialista no Parlamento galego presentou unha proposición non de lei para instar á Xunta a establecer ao longo do ano 2024 as liñas e contías de financiamento plurianuais necesarias para a construción do polígono. 

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, denunciou a “situación de éxodo de veciñanza e de empresas provocada pola falta de investimento da Xunta de Galicia na creación de chan industrial dentro do noso concello”. 

Para o portavoz socialista local “isto é unha urxencia, porque as empresas ribeirenses non están podendo medrar e están tendo que marchar, e con elas os traballadores e traballadoras, xa que os polígonos onde poden desenvolverse as empresas están noutros municipios”. 

Suárez-Puerta lamentou que “a Xunta non fixese practicamente ningunha aportación máis alá dunha axuda para repotenciación do tendido eléctrico para o polígono industrial, a pesar de ter as competencias”. 

“Agardamos que a Xunta deixe de poñerse de perfil e aporte para facer realidade este polígono sen que o seu custo caia no Concello e polo tanto na veciñanza”, sinalou o socialista. 

“É practiamente inviable que a construción do polígono industrial poida levarse a cabo só coa aportación do Concello debido ao seu elevado custo, polo que a aportación real da Xunta é esencial”, engadiu. 

A moción, presentada no Parlamento de Galicia polas deputadas socialistas Patricia Iglesias Rey e Lara Méndez e o deputado socialista Julio Abalde, lembra que a “Consellería de Economía, Industria e Innovación ofreceu recentemente o apoio da Xunta de Galicia para a posta en marcha do novo polígono”. 

Polo tanto, o Grupo Parlamentario Socialista reclama á Xunta que cumpra este compromiso, xa que a propia asociación de empresarios local “urxe que se axilicen os prazos deste proxecto vital para Ribeira e que se reduzan os prazos para que o polígono sexa unha realidade”. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes