Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama á Xunta a contrución dun comedor escolar no CEIP Campomaior (Ordes)

  • Os socialistas levan ao Parlamento a construción dun comedor no CEIP Campomaior tras reunirse coas ANPAs e presentan unha moción para reforzar o persoal no CEIP do Mesón do Vento

O PSdeG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia e de presentar unha moción no Concello de Ordes para reclamar melloras nos comedores escolares do municipio.

Segundo explicou o deputado socialista Aitor Bouza, esta mesma semana mantiveron unha xuntanza coas ANPA de Ordes, na que lles trasladaron as principais deficiencias detectadas nos centros educativos. A raíz destas reunións, o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha iniciativa no parlamento para reclamar á Xunta a construción dun comedor escolar no CEIP Campomaior, un centro que carece deste servizo.

Bouza indicou que esta demanda se leva ao Parlamento “conxuntamente cunha reivindicación que está facendo o Grupo Municipal Socialista de Ordes”, e subliñou que se trata dunha necesidade “importante e urxente” para o centro.

Segundo recolle a iniciativa, a ausencia de comedor escolar no CEIP Campomaior supón unha limitación para o alumnado e as súas familias, ao dificultar a conciliación da vida laboral e familiar e impedir o acceso a un servizo complementario básico. Ademais, o PSdeG advirte de que esta situación xera unha desigualdade respecto doutros centros que si dispoñen deste recurso.

O deputado socialista avanzou que os socialistas esixirán á Xunta que inclúa unha partida específica nos orzamentos deste ano para facer realidade esta infraestrutura. “Queremos esixirlle á Xunta de Galicia e ao señor Rueda que incorpore ao orzamento deste presente ano, do ano 2026, unha partida para desenvolver e executar este comedor tan necesario para as familias e para toda a comunidade educativa no CEIP Campomaior”, afirmou.

Do mesmo xeito, a iniciativa tamén reclama a posta en marcha de solucións provisionais mentres non se executa a infraestrutura definitiva. Neste sentido, Bouza sinalou a necesidade de garantir o servizo no curto prazo: “que se estableza unha solución provisional mentres non se executa esta infraestrutura definitiva e que permita ofrecer un servizo de calidade ao alumnado que precise tamén este sistema de comedor para garantir unha conciliación real e efectiva ás familias de Ordes”.

O parlamentario socialista destacou que esta iniciativa responde ás demandas da propia comunidade educativa e enmarcou o traballo do PSdeG neste ámbito, afirmando que “é a voz da propia comunidade educativa e para iso estamos os socialistas, para traballar a prol e ao carón de toda a comunidade educativa para trasladar as súas inquedanzas e as súas preocupacións”.

No ámbito municipal, o Grupo Municipal Socialista de Ordes presentou unha moción para abordar a situación dos comedores escolares no conxunto do concello. A iniciativa incide en que este servizo é un elemento esencial da oferta educativa complementaria e un recurso clave para facilitar a conciliación das familias e garantir a igualdade de oportunidades, especialmente no rural.

A voceira socialista, Noelia Rivadas, explicou que “presentamos unha moción para mellorar os comedores escolares no noso concello, tanto ampliando a súa presenza como reforzando a calidade do servizo”. Segundo indicou, “o comedor escolar é unha ferramenta clave, non só a nivel educativo, senón tamén social, xa que facilita a conciliación das familias, garante unha alimentación equilibrada e contribúe á igualdade de oportunidades, especialmente no rural”.

A moción non só aborada a falta de comedor no CEIP Campomaior, senón que tamén recolle a situación do CEIP do Mesón do Vento, que conta con comedor escolar pero presenta, segundo o grupo socialista, unha dotación insuficiente de persoal de cociña en relación co número de usuarios do servizo e coa normativa vixente. Esta situación, segundo se indica, está a provocar dificultades no funcionamento diario e unha sobrecarga de traballo.

Así, Rivadas sinalou que “a falta de persoal de cociña está a xerar unha sobrecarga de traballo e ameaza o bo funcionamento do servizo”.

A través destas iniciativas, o PSdeG insta á Xunta de Galicia a construír un comedor no CEIP Campomaior e a dotar ao CEIP do Mesón do Vento do persoal necesario para garantir un servizo “digno e axeitado ás necesidades reais” das familias e do alumnado de Ordes.


Noelia Rivadas – CEIP Campomaior – abr26
Aitor Bouza – CEIP Campomaior – abr26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes