O PSdeG reclama a residencia de maiores en Oza-Cesuras “prometida hai máis de 12 anos polo Goberno da Xunta”
- Silvia Longueira lamenta que “se incumpriron a práctica totalidade dos compromisos” despois da fusión de Oza e Cesuras impulsada por Feijóo
O PSdeG-PSOE reclama que se constrúa a residencia de maiores no Concello de Oza-Cesuras que foi “prometida hai máis de 12 anos polo goberno da Xunta de Galicia do PP”.
Así o expresou a deputada socialista no Parlamento galego Silvia Longueira, máis de 12 anos despois de que se dera a fusión dos concellos de Oza e Cesuras promovida polo entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Longueira lembra que o propio expresidente da Xunta de Galicia afirmaba que “esa fusión ía mellorar a vida de ambos concellos e proverlos dunha xestión municipal máis eficaz”.
Porén, para a socialista, a realidade é “que se incumpriron a práctica totalidade dos compromisos, e quedou basicamente en promesas que unicamente foron usadas para comprar a vontade” da veciñanza dos dous municipios.
“Entre esas promesas estaba a construción dunha residencia para maiores que nunca viu a luz, pese a ter pintado nun papel incluso en que terrenos a ían construir”, critica a deputada socialista, que engade que veciños e veciñas, “ata o día de hoxe, seguen esperando”.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Socialista presentará na cámara galega una iniciativa coa que preguntarán á Xunta cando estiman que se levarán a cabo os acordos da unión dos concellos e que a insta a que presente no prazo de dous meses a planificación existente para a construción da residencia. Así mesmo, a iniciativa demanda ao Goberno galego que presente un informe sobre os efectos económicos da fusión, tal e como se estimaba no documento base da mesma, xa que “doce anos despois da fusión non se coñecen os datos de bonanza económica prometidos”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS