Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE esixe á Xunta un plan integral de rexeneración da ría de Ferrol e un plan de choque inmediato para recuperar os bancos marisqueiros

  • Os socialistas, tras reunirse coa Confraría de Pescadores de Ferrol, levarán ao Parlamento galego iniciativas para reclamar a rexeneración da ría, financiamento nos orzamentos de 2027 e medidas de apoio económico e laboral para o sector

O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento de Galicia que a Xunta poña en marcha un plan integral de rexeneración ambiental e produtiva da ría de Ferrol e a posta en marcha inmediata dun plan de choque para recuperar os bancos marisqueiros, ante a preocupante perda de produtividade que afecta ao sector. Así o trasladaron os socialistas tras manter unha reunión coa Confraría de Pescadores de Ferrol, na que participaron o deputado parlamentario Aitor Bouza e o concelleiro e candidato número 2 ao Congreso por A Coruña Julián Reina, para coñecer de primeira man as dificultades que atravesan os profesionais do marisqueo.

Os socialistas comparten a preocupación trasladada pola confraría e consideran urxente que o Goberno galego adopte medidas para garantir o futuro dunha actividade fundamental para a economía e o emprego de Ferrolterra.

“Mantivemos unha xuntanza coa Confraría de Pescadores de Ferrol, que nos trasladou a súa preocupación pola situación na que se atopa o marisqueo na ría, unha preocupación que compartimos plenamente. Por iso, imos levar esta cuestión ao Parlamento de Galicia e esixirlle ao señor Rueda que non deixe atrás un sector tan importante para a nosa comarca. A ría de Ferrol ten que volver ser un eixo prioritario”, sinala o parlamentario Aitor Bouza.

A iniciativa parlamentaria reclamará a elaboración e aprobación dun plan integral de rexeneración ambiental e produtiva da ría de Ferrol, sustentado nun estudo científico exhaustivo que permita identificar as causas da perda de capacidade produtiva, determinar as actuacións necesarias para recuperar os ecosistemas e os bancos marisqueiros e establecer un calendario de intervencións, unha dotación orzamentaria específica e mecanismos de seguimento e avaliación.

Con todo, os socialistas advirten de que a situación actual require medidas urxentes que non poden quedar condicionadas á elaboración destes estudos. Por iso, a segunda petición pasa por activar de forma inmediata un plan de choque específico para a recuperación dos bancos marisqueiros, que permita iniciar as intervencións necesarias mentres se desenvolve a planificación integral da ría.

Ademais, o PSdeG reclamará que os orzamentos anunciados pola Xunta para 2027 incorporen unha partida específica e suficiente que permita financiar tanto o plan integral de rexeneración como a execución inmediata das actuacións máis urxentes.

Os socialistas insisten en que a recuperación ambiental e produtiva da ría debe ir acompañada de medidas extraordinarias de apoio económico e laboral para os profesionais do marisqueo afectados pola perda de produtividade, co obxectivo de atender as dificultades que atravesa o sector mentres non se recupera a actividade.

Desde o partido socialista insisten en que estas reivindicacións responden ás demandas trasladadas polo propio sector e reiteran o seu compromiso de levar a súa voz ao Parlamento galego.

“Escoitamos de primeira man as súas preocupacións e imos trasladar as súas demandas ao Parlamento. Agardamos que o señor Rueda se comprometa cun sector esencial para Ferrolterra e que a ría de Ferrol recupere o protagonismo que tivo no pasado», concluíron.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes