O PSdeG-PSOE denuncia a situación “crítica” do transporte público en Ferrol e levará as deficiencias do servizo ao Parlamento galego
- Ángel Mato reclama ao alcalde que esixa responsabilidades á Xunta ante os atrasos, a falta de prazas e as malas condicións nas que viaxan os usuarios
- Aitor Bouza anuncia iniciativas no Parlamento para reclamar “un transporte digno para Ferrolterra” ante un servizo que cualifica de “deplorable”
O PSdeG denunciou hoxe as graves deficiencias que presenta o servizo de transporte público por autobús en Ferrol e reclamou actuacións inmediatas tanto ao Concello como á Xunta de Galicia para garantir unhas condicións dignas para as persoas usuarias.
O deputado socialista no Parlamento de Galicia Aitor Bouza e o voceiro socialista no Concello de Ferrol, Ángel Mato, compareceron esta mañá na Estación de Autobuses de Ferrol para dar conta das numerosas queixas que se están producindo polo funcionamento do servizo, relacionadas coa insuficiencia de prazas, os atrasos, as esperas e as condicións nas que se realizan determinados traxectos.
Ángel Mato cualificou de “inconcibible” que, “en pleno século XXI”, haxa persoas que teñan que realizar o traxecto entre Ferrol e A Coruña de pé nun autobús e con temperaturas superiores aos 28 graos, ao tempo que criticou a “total pasividade” do goberno municipal ante esta situación.
O voceiro socialista reclamou ao alcalde de Ferrol que encabece as reivindicacións ante a Xunta de Galicia e que esixa o cumprimento das condicións do servizo que se presta á cidadanía.
“Estamos pagando todos os ferroláns por este servizo e o alcalde ten na súa man reclamarlle á Xunta de Galicia que se preste nas condicións adecuadas”, sinalou Mato, quen considera que a falta de resposta do Concello supón unha “deixadez de funcións”.
Neste sentido, reclamou que o Concello non aboe a parte que lle corresponde no convenio coa Xunta mentres persistan os incumprimentos e as deficiencias denunciadas, e instou o goberno local a defender os intereses das persoas usuarias.
Mato referiuse tamén ao estado da propia Estación de Autobuses de Ferrol, na que denunciou unha situación de “descoido”, con problemas de limpeza e mantemento, aos que se suman as deficiencias do servizo de transporte.
“Hai moita xente queixándose e estamos falando dun servizo fundamental para garantir o acceso da cidadanía a servizos básicos”, advertiu. “O goberno do señor Rueda abandonou Ferrol ante a mirada impasible do seu alcalde, que tamén é de Ferrol, e que non atente as necesidades da cidadanía”, incidiu.

O PSdeG levará as reclamacións ao Parlamento
Pola súa banda, Aitor Bouza confirmou que o Grupo Socialista trasladará ao Parlamento de Galicia as demandas realizadas desde Ferrol para esixir solucións ao Goberno galego.
“Atendemos a chamada dos nosos compañeiros de Ferrol para reclamar unha situación que, por desgraza, non é nova. Ante a pasividade absoluta do goberno municipal, o PSdeG vai actuar de maneira coordinada para reclamar solucións”, afirmou.
Bouza cualificou o funcionamento do transporte público na comarca como “deplorable” e advertiu de que se está chegando a unha “situación crítica”.
O deputado socialista sinalou que se trata dunha realidade coñecida polas persoas que utilizan habitualmente o transporte público en Ferrolterra: “Horas esperando polos autobuses, insuficiencia de prazas, atrasos e malas condicións. É un absoluto caos”.
Por iso, reclamou á Xunta de Galicia que utilice “os recursos e as posibilidades que ten” para corrixir as deficiencias e garantir un servizo adecuado.
“Nós levarémolo ao Parlamento e estaremos moi atentos para ser a voz da cidadanía. O que reclamamos é algo tan básico como un transporte digno para a comarca de Ferrol”, concluíu Bouza.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS