Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Curtis denuncia a “opacidade e discrecionalidade” do goberno municipal na concesión de axudas ás asociacións

  • Os socialistas reclaman que se publiquen os criterios, as contías e a relación completa de entidades beneficiarias das achegas municipais

O PSdeG de Curtis denunciou a falta de transparencia do goberno municipal na distribución das partidas económicas destinadas ás asociacións do concello e reclamou que se fagan públicos os criterios empregados, as contías concedidas e a relación completa de entidades beneficiarias.

O portavoz socialista, Fernando Rey, asegura que o alcalde mantén “oculta” a información relativa ás achegas outorgadas a diferentes colectivos e critica que estas se concedan “sen uns criterios públicos, obxectivos e coñecidos polo conxunto da veciñanza”.

“O goberno municipal ten agochadas as partidas que o alcalde concede ás asociacións que el decide, mentres existen numerosas entidades do municipio que non reciben nin un só euro do Concello”, denuncia Rey.

Entre os colectivos que, segundo sinala o PSdeG, non estarían recibindo apoio económico municipal atópanse a Asociación de Veciños de Teixeiro, a comisión de festas e AESCO, entidade que traballa contra a exclusión social, ademais doutras asociacións que prefiren non ser identificadas publicamente.

Neste sentido, Fernando Rey asegura que existen colectivos que evitan denunciar esta situación “por medo a posibles represalias ou a verse prexudicados no futuro polo goberno de Javier Caínzos”.

Os socialistas consideran “especialmente grave” que os recursos públicos destinados ao tecido asociativo non se distribúan mediante procedementos transparentes, criterios obxectivos e mecanismos que garantan a igualdade de oportunidades entre todas as entidades.

“Se esta é a forma de gobernar do señor Caínzos, estamos ante un modelo baseado na opacidade, no trato desigual e na ausencia total de transparencia”, afirmou o portavoz socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes