- Silvia Longueira reclamará á Xunta explicacións sobre a planificación sanitaria do verán e información detallada dos días nos que os centros de saúde da comarca quedaron sen médicos
- Fernando Rey denuncia que a única médica de Teixeiro está “desbordada” e advirte de que a Xunta “non pode xogar coa saúde da xente nin coa sanidade”
O PSdeG-PSOE denuncia a “grave situación” que atravesa a atención sanitaria en Curtis, onde a falta de persoal chegou a provocar que o centro de saúde quedase durante horas sen ningún facultativo dispoñible.
A deputada socialista Silvia Longueira levará esta situación ao Parlamento de Galicia para reclamar explicacións á Xunta sobre a planificación dos recursos sanitarios durante o verán e esixir medidas que garantan a atención nos concellos rurais.
Curtis conta cunha poboación aproximada de 4.300 habitantes, dos que o 27 % son maiores de 65 anos. Esta realidade demográfica, en opinión do PSdeG, fai especialmente preocupante a ausencia de profesionais sanitarios.
Longueira advertiu de que os problemas para cubrir as consultas se repetiron este verán en diferentes centros de saúde da comarca de Betanzos, con incidencias en concellos como Curtis, Irixoa, Aranga ou Coirós.
A situación chegou ao seu punto máis grave durante a segunda quincena de agosto en Curtis, cando a única médica dispoñible tivo que abandonar o centro de saúde para acompañar unha urxencia ao CHUAC da Coruña, deixando durante ese tempo aos pacientes sen atención facultativa.
“Os centros de saúde das Mariñas-Betanzos sofren este ano unha ausencia de médicos nas consultas. En Curtis chegamos ao caso de que a médica tivo que abandonar o centro para acompañar unha urxencia ao CHUAC, deixando sós aos pacientes”, denunciou Longueira.
A deputada socialista incidiu en que esta situación afecta especialmente a un territorio cunha elevada porcentaxe de persoas maiores e poboación vulnerable e advertiu de que se teñen producido xornadas nas que a veciñanza chegou a quedar sen asistencia médica nun radio de arredor de 20 quilómetros.
“Preguntámonos cal é o obxectivo do Goberno da Xunta e que planificación realizou para garantir a atención sanitaria durante o verán neste tipo de zonas rurais”, sinalou.
Longueira pedirá explicacións no Parlamento
Ante esta situación, a socialista presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para que a Xunta explique que planificación realizou a consellería de Sanidade para atender á poboación durante o verán de 2026 e cales eran os seus obxectivos.
O grupo socialista reclamará tamén ao Goberno galego información detallada sobre as incidencias rexistradas durante os primeiros oito meses do ano na atención sanitaria dos concellos das mariñas betanceiras, especificando os días nos que os centros de saúde estiveron sen médicos, o número de veciños e veciñas atendidos e as derivacións realizadas a outros recursos sanitarios.
Ademais, o PSdeG solicitará á Xunta que traslade ao Parlamento a súa planificación sanitaria para decembro de 2026 e xaneiro de 2027, ante a chegada dun novo período vacacional e dun momento no que previsiblemente volverá incrementarse a demanda asistencial.
Para Longueira, os problemas vividos este verán evidencian que “non existe unha planificación suficiente para garantir a asistencia sanitaria nas zonas rurais cando chegan os períodos de vacacións” e reclamou á Xunta que se anticipe para evitar que a situación volva repetirse.
“A única doutora está desbordada”
Pola súa banda, o portavoz socialista de Curtis, Fernando Rey, lembrou que o PSdeG local leva tempo denunciando a falta de persoal tanto no centro de saúde de Teixeiro como no PAC.
“Dende o PSdeG de Curtis vimos denunciando hai moito tempo a falta de persoal no centro de saúde de Teixeiro e no PAC. Esta semana tivemos tan só unha doutora, que está desbordada pola saturación existente e que, ademais, ten que atender as urxencias que poidan producirse ao longo da mañá”, explicou.
Rey incidiu especialmente nas consecuencias que ten que unha única facultativa deba atender un traslado hospitalario. “Durante todo o tempo da viaxe da ambulancia ao CHUAC, o centro de saúde queda sen persoal médico. É unha barbaridade, porque dende o PSdeG de Curtis entendemos que non se pode xogar coa saúde da xente nin coa sanidade”, afirmou.
Os socialistas consideran que o sucedido en Curtis non é un problema puntual, senón unha mostra das dificultades de cobertura sanitaria que sofren diferentes concellos rurais, e reclaman á Xunta que garanta os efectivos necesarios para que unha urxencia ou unha ausencia non implique deixar sen atención médica a toda a poboación dunha zona.
O PSdeG esixe así ao Goberno galego unha planificación específica para os períodos vacacionais e para os territorios cunha elevada porcentaxe de poboación maior, garantindo unha atención sanitaria pública, continuada e segura con independencia do lugar de residencia.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS