Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia o “caos e inseguridade” na contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo por mor das obras

  • Os socialistas esixen medidas urxentes para evitar os atascos e garantir a seguridade dos escolares e das familias

O Grupo Socialista da Laracha, a través da súa voceira Inés Ramos, denunciou hoxe o estado “lamentable e perigoso” no que se atopa a contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo. A situación acadou hoxe, venres 30 de xaneiro, un punto crítico coincidindo coas precipitacións, que converteron as zonas en obras lindeiras ao colexio nun auténtico lodazal.

Inés Ramos sinalou que o que se vive hoxe non é un feito illado, senón unha situación recorrente “sempre que chove”. A execución das obras ao carón do centro educativo, sumada á falta de medidas de drenaxe e organización, está a provocar graves problemas de mobilidade e seguridade.

Un “lodazal” para os peóns e atascos para o tráfico As imaxes captadas hoxe na zona amosan un terreo completamente enlamado que dificulta o paso das familias e dos escolares. “É intolerable que nenos e nenas teñan que sortear pozas de lama e auga para acceder ao seu centro de ensino”, afirma a voceira socialista.

A esta situación súmase o caos circulatorio. Durante a xornada de hoxe rexistráronse importantes atascos e cortes de tráfico que colapsaron os accesos. A falta de sinalización adecuada e de alternativas viarias está a xerar situacións de tensión e perigo nunha zona de alta densidade peonil, especialmente en horario escolar.

Esixencia de responsabilidades Desde o PSdeG-PSOE da Laracha instan ao Goberno local a que actúe de inmediato. “As obras son necesarias, pero a súa execución non pode realizarse de costas á realidade do centro educativo nin poñendo en risco a seguridade viaria”, apunta Ramos.

Os socialistas esixen ao Concello que actúe de inmediato, limpando e acondicionando os accesos de xeito urxente para eliminar a lama acumulada. Tamén reclaman que se reforce a seguridade viaria, con presenza policial ou persoal de organización, especialmente nos momentos de entrada e saída do alumnado. Ademais, piden que se garanta que as empresas adxudicatarias cumpran coas medidas mínimas de mantemento e limpeza da contorna durante todo o tempo que duren os traballos.

“Non podemos permitir que a desidia do Goberno local converta un día de choiva nun pesadelo para as familias da Laracha”, concluíu Inés Ramos.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes