Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG provincial esixe á Xunta que poña fin a “5 anos de abandono” do transporte por autobús en Ferrolterra

  • Bernardo Fernández salienta que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal levan anos reclamando que se adopten medidas para solucionar esta situación
  • O secretario xeral provincial participou na última concentración de Transporte Digno para a comarca de Ferrol xunto ao deputado Aitor Bouza e outros compañeiros e compañeiras

O PSdeG Provincial da Coruña esíxelle á Xunta de Galicia que poña fin a “5 anos de abandono” do transporte por autobús en Ferrolterra, en palabras do secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro.

O tamén alcalde de Pontedeume participou na última concentración de Transporte Digno para a comarca de Ferrol xunto ao deputado Aitor Bouza e outros compañeiros e compañeiras

“Hoxe volvémonos manifestar para denunciar unha situación que se alonga dende hai xa 5 anos”, sinalou Fernández Piñeiro. “5 anos dende que a Xunta de Galicia sacou a licitación dos novos contratos do transporte interurbano, 5 anos de incumprimentos, 5 anos de redución de liñas, 5 anos de autobuses ateigados de pasaxeiros que teñen que viaxar de pé”, engade.

“Os concellos das bisbarras de Ferrolterra, Eume e Ortegal levamos anos reclamando que se adopten medidas para rematar cunha situación que afecta a milleiros de cidadáns das nosas comarcas”, sinala o socialista. Porén, a Xunta “non adoptou ningunha medida para revertir esta situación”, lamenta.

O secretario xeral do PSdeG Provincial lamentou o “total desleixo que a Xunta de Galicia está a amosar, xa non polo transporte público, senón pola veciñanza das nosas bisbarras”.

Preguntouse onde está o Partido Popular, “tan esixente co transporte ferroviario, unha esixencia compartida polos socialistas galegos e os socialistas destas bisbarras, que levamos tamén anos reclamando aos distintos gobernos do Estado, non só aos gobernos de signo contrario, senón tamén o noso propio goberno”.

“A única diferenza é que, nun caso, trátase de reclamarlle ao goberno do estado en mans doutra formación política, e neste caso de reclamarlle á Xunta de Galicia, que é do partido popular”, afirma o socialista.

“Como dixen, nós reclamámoslle a ámbas administracións, no ámbito ferroviario e tamén ao transporte por estrada, nós defendemos ante todo os intereses dos nosos veciños e veciñas”, conclúe.

Pola súa banda, Aitor Bouza sinalou que as persoas participantes na concentración “o único que están a pedir é transporte digno, un transporte por estrada, un transporte por bus que responda ás necesidades reais de todas estas persoas que precisan dun transporte público”.

“É absolutamente lamentable a actitude que está mantendo a Xunta de Rueda, que mira cara outro lado cando hai un transporte que Ferrol precisa”, critica o parlamentario socialista. “Seguiremos esixíndoo no Parlamento”, indica.

“Queremos esixir directamente ó presidente da Xunta, ó señor Rueda, que se impliquen buscar unha solución para que a xente non quede tirada nas paradas, para que os retrasos non se produzan día si e día tamén e que esas condicións que estivemos a ver durante as últimas semanas non se volvan a repetir”, remata o deputado autonómico.


Bernardo Fernández Piñeiro – transporte Ferrolterra – set26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes