O PSdeG pon en valor os investimentos do Goberno de España en Barbanza para mellorar os servizos públicos, as infraestruturas e o patrimonio natural
- A cabeza de lista do PSdeG polo Congreso, Obdulia Taboadela, acompañada dos candidatos socialistas Jorge Romero, Ana Alvite e Tamara García, destacou hoxe as actuacións realizadas en Porto do Son, Ribeira e Rianxo como exemplo do compromiso do Executivo estatal coa comarca
O PSdeG-PSOE puxo en valor os investimentos realizados polo Goberno de España nos municipios de Barbanza durante os últimos anos, destacando o seu impacto na mellora dos servizos públicos, na protección do medio ambiente, na recuperación do patrimonio e na modernización das infraestruturas.
Durante unha visita a Porto do Son, a cabeza de lista socialista polo Congreso, Obdulia Taboadela, acompañada dos candidatos Jorge Romero, Ana Alvite e Tamara García, reivindicou a importancia do investimento público para garantir a igualdade de oportunidades e mellorar a calidade de vida da cidadanía, independentemente do seu lugar de residencia.
“Hoxe estamos aquí para poñer en valor os investimentos do Goberno de España nos distintos concellos de Barbanza, actuacións que abranguen ámbitos tan diversos como o turismo, os servizos sociais, o comercio ou a protección do medio ambiente, pero que teñen un obxectivo común: mellorar a vida dos veciños e veciñas”, destacou Taboadela.

A candidata socialista fixo especial fincapé nas actuacións de protección do litoral e recuperación dos sistemas naturais, fundamentais para facer fronte aos efectos do cambio climático.
“O aumento das temperaturas e os temporais fan especialmente necesario protexer as nosas praias e recuperar os sistemas dunares. Estamos a falar dun patrimonio natural que debemos conservar tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan e para as futuras xeracións”, sinalou.
Pola súa banda, Jorge Romero, candidato ao Congreso, destacou as intervencións desenvolvidas polo Goberno de España no litoral do municipio, especialmente na contorna situada entre as parroquias de Xuño e San Pedro de Muro.
Entre estas actuacións sinalou a instalación de pasarelas de madeira para ordenar o acceso ás praias, a delimitación das zonas de paso para preservar os espazos naturais e a eliminación de especies invasoras, cun investimento de varios centos de miles de euros.
“Son actuacións que permiten mellorar as condicións do noso litoral e protexer o medio ambiente, garantindo ao mesmo tempo que a veciñanza e os visitantes poidan gozar destes espazos naturais de maneira respectuosa”, explicou Romero.
O representante socialista destacou tamén as melloras na eficiencia enerxética da iluminación pública de distintas parroquias rurais, que, segundo sinalou, permitiron reducir o consumo enerxético arredor dun 83 %. Así mesmo, puxo en valor a renovación do sistema de vixilancia e salvamento marítimo situado no monte, unha infraestrutura que presta servizo non só a Porto do Son, senón tamén a outros municipios costeiros.
A candidata número tres ao Congreso, Ana Alvite, destacou pola súa banda o impacto dos investimentos estatais en Ribeira e a importancia destas actuacións para o desenvolvemento do municipio.
“Ribeira non sería a mesma sen os investimentos realizados polo Estado. Temos numerosos exemplos de actuacións que demostran que a nosa vila e a nosa comarca están presentes nas prioridades do Goberno de España”, afirmou.

Entre os proxectos mencionados, Alvite destacou o auditorio, o conservatorio de Aguiño, o CEIP de Frións, a praza do Centenario e as actuacións en Cerqueiras, como exemplos das melloras desenvolvidas en distintos ámbitos do municipio.
A candidata socialista subliñou a importancia de manter os investimentos públicos para seguir impulsando o desenvolvemento económico e social da comarca.
“Como ribeirense e aguiñense, síntome orgullosa de formar parte desta candidatura. Precisamos que o Estado siga investindo e que Barbanza continúe contando con recursos para mellorar os seus servizos e infraestruturas”, sinalou.
Pola súa banda, Tamara García, candidata socialista ao Congreso, destacou as actuacións realizadas en Rianxo, especialmente as relacionadas coa recuperación do patrimonio e a mellora dos equipamentos públicos.
Entre elas, sinalou a retirada do espigón do porto de Taragoña, unha intervención demandada pola veciñanza, e a rehabilitación do Pazo de Martelo, sede da biblioteca municipal.

“Grazas a estes investimentos, a biblioteca poderá contar cunhas instalacións máis accesibles e eficientes enerxeticamente, mellorando un servizo público que utilizan os veciños e veciñas de Rianxo”, explicou García.
A candidata reivindicou a continuidade destas actuacións como unha ferramenta fundamental para revitalizar as vilas e mellorar os espazos públicos.
Finalmente, Obdulia Taboadela lembrou que parte dos investimentos impulsados polo Goberno de España se desenvolven en ámbitos nos que as competencias corresponden ás comunidades autónomas, destacando a utilización dos fondos europeos Next Generation e dos recursos propios dos distintos ministerios.
“Moitas destas actuacións nin sequera corresponden a competencias directas do Estado, pero ante a falta de actuación da Xunta do Partido Popular, o Goberno de España inviste e responde ás necesidades da cidadanía”, afirmou.
A cabeza de lista socialista insistiu en que o fortalecemento dos servizos públicos e o investimento nos municipios constitúen elementos fundamentais para garantir a igualdade de oportunidades.
“Queremos seguir traballando para mellorar os servizos públicos, a vivenda, o comercio, a sanidade e a educación. En definitiva, para que calquera persoa, independentemente da súa renda ou de onde nacese, teña as mesmas oportunidades”, concluíu Taboadela.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS