Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O Partido Socialista reivindica as políticas sociais do Goberno de Pedro Sánchez e advirte de que “non todos somos iguais” ante as eleccións xerais

  • O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, destaca a revalorización das pensións e o incremento do salario mínimo como exemplos das diferenzas entre as políticas do PSOE e as propostas do PP e Vox de cara ao 29 de novembro.
  • Guinarte e o candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, visitaron o Banco de Alimentos para recoñecer os seus dez anos de labor solidario e animar á cidadanía a participar na Gran Recollida da próxima semana.
  • Blanco comprometeuse a reforzar a colaboración municipal coa entidade e reivindicou que “Santiago é un concello solidario, foino e vaino seguir sendo”.

O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, e o candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, visitaron o Banco de Alimentos para recoñecer o labor que desenvolve a entidade desde hai dez anos e trasladarlle o seu apoio. Durante o encontro, Guinarte reivindicou as políticas sociais impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez como un dos elementos centrais das eleccións xerais do 29 de novembro, destacando a revalorización das pensións e o incremento do salario mínimo fronte ao modelo defendido polo PP e Vox.

Pedro Blanco destacou o carácter solidario de Compostela e asegurou que “Santiago é un concello solidario, foino e vaino seguir sendo”, ao tempo que puxo en valor o traballo do Banco de Alimentos para evitar que haxa familias sen acceso a unha alimentación digna. O candidato socialista á Alcaldía trasladou o compromiso das e dos socialistas composteláns coa entidade e asegurou que poderá “contar co Concello de Santiago en canto esteamos gobernando”, coa vontade de reforzar a colaboración institucional e “colaborar man a man para erradicar esta necesidade que moitas familias hoxe aínda teñen”.

Pola súa banda, Guinarte defendeu que “a loita contra as desigualdades a favor da inclusión social das persoas máis desfavorecidas é un sinal de identidade do Partido Socialista e do Goberno socialista de Pedro Sánchez”, e destacou que a pensión media na provincia da Coruña pasou de menos de 1.000 euros a arredor de 1.500 euros, mentres que o salario mínimo supera xa os 1.200 euros e beneficia a máis de 130.000 persoas en Galicia.

O candidato socialista ao Senado advertiu de que o 29 de novembro está en xogo a continuidade destas políticas, lembrando que “os maiores queren seguir vendo incrementadas as súas pensións” e que as persoas que perciben o salario mínimo tamén “queren seguir vendo incrementado o seu salario”. Neste sentido, contrapuxo a actuación do Goberno socialista á posición do PP e Vox de deixar a actualización do salario mínimo nas mans da negociación colectiva, insistindo en que estas políticas de protección social demostran que “non todos somos iguais”.

Guinarte estendeu tamén esa diferenciación á maneira de asumir responsabilidades políticas, contrapondo a actuación do ministro Óscar Puente tras os accidentes ferroviarios coa do expresidente valenciano Carlos Mazón, ao que reprochou que tardase un ano en asumir responsabilidades e que continúe como deputado. Neste sentido, destacou que os responsables socialistas asumen as súas responsabilidades “despois de tomar as decisións que hai que tomar de xeito inmediato”.

Finalmente, Guinarte quixo “agradecer a todos os traballadores o seu labor” e aproveitou para “animar a xente a que participe na Gran Recollida que vai haber a semana que vén”, destacando a importancia da colaboración cidadá para atender as necesidades das familias máis vulnerables.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes