O PSdeG participa xunto a Down Galicia nunha xuntanza co Secretario de Estado de Educación para trasladar as súas propostas en materia de educación inclusiva
-Aitor Bouza sinalou que “o que provoca a inclusión plena e efectiva nos centros ordinarios é que os resultados sexan óptimos para a propia educación, tanto das persoas que conforman o colectivo de Down, como tamén para todos os rapaces e rapazas”
O PSdeG participou en Madrid nunha reunión co Secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, acompañando ás organizacións Down Galicia e España para trasladar a súas propostas en materia de educación inclusiva ao goberno de España.
Participaron nesta reunión, que foi froito do traballo de colaboración que se está a levar a cabo ata o momento entre o Partido Socialista e Down Galicia, o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Compostela, Aitor Bouza Manso, así como os presidentes de Down Galicia e España, Delmiro Prieto e Mateo San Segundo.
“Tivemos esta xuntanza para trasladar o que xa levamos defendido aquí en Galicia, algo que nos parece fundamental para loitar contra as desigualdades sociais, que é apostar por que exista unha igualdade efectiva de toda a cidadanía”, sinala Aitor Bouza.
O socialista apuntou que “aquí xa dende o Partido Socialista, o secretario xeral de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu a política de inclusión e educación na que se ten que apostar por realmente facer partícipes e incorporar ás persoas con discapacidade nos centros ordinarios”.
“Particularmente, as persoas que forman o colectivo de Down xa demostraron cos seus informes que realmente o que provoca a inclusión plena e efectiva nos centros ordinarios é que os resultados sexan óptimos para a propia educación, tanto das persoas que conforman o colectivo de Down, como tamén para todos os rapaces e rapazas”, afirmou.
“Dende o Partido Socialista o que fixemos foi acompañalos nesta senda de diálogo, de traballo colectivo, agora co Goberno de España a través do secretario de Estado de educación”, engadiu o socialista.
Bouza salientou o compromiso da Secretaría de Estado e do PSOE para seguir traballando nesa liña “en conxunto con esta asociación, con Down en España e tamén particularmente en Galicia, para apostar claramente por que a educación inclusiva se garanta como un dereito fundamental”.
O secretario xeral local comprometeuse a levar esta cuestión a todas as institucións, “non só onde non gobernamos e somos oposición, para dicirlle ao Partido Popular que aposte por esta forma de facer política”, xa que “eles comentan que xa o fan, pero na práctica vemos que non é así”.
“Coñecimos hai escasos meses unha sentencia que foi rotunda e clara”, indica Bouza, que sinalaba que a Xunta provocaba que as persoas con discapacidade que querían acudir a centros ordinarios non podían acceder ás axudas para material e libros de texto fronte ás que si acceden as persoas que van a centros especiais.
“O que temos que facer é reivindicar que a política da Xunta de Galicia cambie nese sentido e que aposte de maneira clara por unha educación inclusiva, tamén fomentando e facendo plans de formación, e como non pode ser doutro xeito, tamén sensibilizando á propia cidadanía”, salientou. “Nese marco é no que estamos traballando aquí, na nosa terra, e por suposto no que vamos a traballar en calquera dos ámbitos”, concluíu o socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS