Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG provincial denuncia o “caos” nos buses interurbanos

  • Dende o Partido Socialista lamentan as múltiples incidencias rexistradas nos últimos días, especialmente nas comarcas de Ferrolterra, A Coruña e Bergantiños

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña esíxelle á Xunta de Galicia melloras no transporte público por estrada na provincia, con particular atención ás comarcas de Ferrolterra, A Coruña e Bergantiños.

Dende o PSdeG califican a situación do transporte por autobús nestas bisbarras de “verdadeiramente penosa, non se pode dicir doutra maneira”. “Levamos anos insistindo, dende que saíron os novos contratos, non é unha situación que veña de agora”, salientan dende a formación.

Destacan o caso recente “dun autobus que se estroupeou en pleno túnel da autoestrada e botaron varias horas alí os viaxeiros e viaxeiras ata que os viñeron recoller”, calificando a situación de “caos absoluto”.

Sinalan tamén o caso de “autobuses que circulaban entre A Coruña e Ferrol coa xente de pé, que algo que se non me trabuco, incumpre a normativa de tráfico”. “Tamén tivemos un caso moi recente en Fene no que o bus saíu con media hora de retraso e 20 persoas quedaron sen praza, entre moitísimas outras situacións similares”, lamentan.

“É unha cuestión que se reitera no tempo e que en consecuencia demostra que a prestación deste servizo é moi mellorable”, subliñan dende o PSdeG provincial. “Nós xa lle trasladamos á Xunta no seu momento que eses pregos estaban máis feitos, non estaban dimensionados nin pensados para as necesidades actuais, e non podemos ter á xente nesta situación”, indican.

Critican tamén que se deixasen “moitas zonas dos concellos cun autobús a primeira hora da mañá e un autobús a última hora da tarde”. “Iso non é garantir o servizo público de transporte por estrada”, sentencian.

“Agora que nestes tempos estamos a reclamar, como debe ser, a mellora do trazado ferroviario entre A Coruña e Ferrol, nos podemos esquecer tampouco que hai que mellorar este servizo de transporte por estrada”, apuntan dende o PSdeG.

“Nós imos seguir xunto a todos os viaxeiros e viaxeiras que padecen este pésimo servizo, xa que isto non é algo que diga eu, calquera persoa que faga uso destes autobuses dirá o mesmo que eu estou dicindo agora”, subliñan.

“Os concellos xa llo trasladamos hai anos á Xunta de Galicia, que daquela se comprometera a adoptar medidas, pero polo de agora levamos varios anos e non houbo nin unha soa medida encamiñada a mellorar este servizo”, conclúen.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes