O PSdeG levará ao Parlamento galego as reclamacións da comunidade educativa de Ordes
- Aitor Bouza e Noelia Rivadas reuníronse cunha variedade de representantes dos centros educativos do municipio
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia as reivindicacións da comunidade educativa de Ordes logo de reunirse con representantes da mesma. A voceira socialista local Noelia Rivadas explica que “en materia educativa ás demandas dende Ordes seguen sendo moi claras”.
“Precisamos máis profesorado especialista tanto de PT como da AL e tamén máis auxiliares educativos nos centros do Mesón do Vento, Castelao, Campomaior e IES Número 1 e Maruxa Maio”, indica a socialista.
“Tamén reclamamos no seu día unha reforma integral do Castelao, a dotación nun comedor para o Campomaior e máis persoal para o servizo de comedor do Mesón do Vento, onde mesmo se chegou a solicitar un axudante de cociña” engade.
Rivadas lamenta que “a día de hoxe non sabemos en que condicións van comezar as clases en setembro, con que dotación de persoal, e tampouco temos constancia de que o goberno local nin sequera solicitase unha reunión coa Consellería para abordar estas necesidades”.
“Non estamos falando, por tanto, de necesidades novas, senón de cuestións que levan moito tempo enriba da mesa e que precisan dunha xestión e unha resposta”, conclúe a portavoz socialista.
Pola súa banda, o deputado socialista Aitor Bouza anuncia que levará ao Parlamento “todas as súas reivindicacións, tanto de infraestruturas, de rehabilitación dos centros, que tan necesarias son, inclusive de ampliacións nos casos nos que así é necesario para que poidan ter un servizo de comedor”.
“Tamén, por suposto, reclamaremos neste inicio de curso escolar todo o profesorado para cubrir as necesidades educativas de todo alumnado de Ordes”, salienta o deputado no Parlamento galego.
Ademais, o grupo socialista fará “as correspondentes emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para que se acometan canto antes e que os dereitos das alumnas e dos alumnos de Ordes sexan recoñecidos”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS