O PSdeG levará ao Parlamento galego a situación do transporte escolar no caso do alumnado do IES Terra de Xallas de Santa Comba
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia a situación “absolutamente insostible” do transporte escolar en Santa Comba, particularmente no caso do alumnado do IES Terra de Xallas.
O alcalde socialista da localidade, Alberto Romar, participou xunto á agrupación socialista local na concentración celebrada hoxe no municipio para reclamarlle á Xunta de Galicia unha solución a esta problemática.
“O inicio do curso escolar en Galicia vén marcado, un ano máis, por numerosas incidencias en materia de transporte escolar, carencia de profesorado, problemas de infraestruturas e unha planificación insuficiente por parte da Xunta de Galicia”, sinala o deputado socialista no Parlamento galego Aitor Bouza.
“A educación pública debe ser unha prioridade para calquera goberno, pois é a garantía de igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas do noso país. Sen un ensino público forte e de calidade, non é posible asegurar a cohesión social nin o progreso colectivo”, engade.
No caso do IES Terra de Xallas, “dende o principio de curso a comunidade educativa vén denunciando retrasos continuos nos horarios, falta de prazas suficientes e incluso casos nos que alumnado tivo que quedar en terra ou viaxar de pé, algo que resulta totalmente inaceptable nun servizo público esencial como este”.
“As liñas máis conflictivas son as de Parada e Portovilar, que presentan incidencias case diarias e afectan a mozas e mozos de diferentes parroquias, como son Vilamaior, Freixeiro, Fontecada, A Pereira, Alón, Ser, Santa Comba e Bazar, entre outras”, explica Bouza.
Esta situación, afirma, provocou que “a ANPA, as nais e pais, a comunidade educativa e representantes das forzas políticas municipais se concentraran nas inmediacións do instituto para esixir unha solución inmediata á Consellería de Educación”. “A falla de previsión e coordinación da Xunta de Galicia está a xerar un grave prexuízo ao alumnado e ás súas familias, que non poden ter garantido un transporte seguro e puntual para acudir ao centro educativo”, indica.
“O servizo de transporte escolar é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, polo que resulta urxente adoptar medidas que aseguren un funcionamento axeitado e digno, especialmente nas zonas rurais, onde o acceso á educación depende directamente deste servizo”, subliña o socialista.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Socialista presentará unha batería de iniciativas coa que se instará á Xunta a “adoptar de maneira inmediata todas as medidas necesarias para garantir o correcto funcionamento do transporte escolar no IES Terra de Xallas de Santa Comba, asegurando que ningún alumno ou alumna quede sen praza nin teña que viaxar de pé”.
Reclamarase tamén “revisar reforzar as liñas máis problemáticas”, así como “mellorar a planificación e coordinación do servizo de transporte escolar en todo o concello de Santa Comba, para garantir a puntualidade e a seguridade das rutas” e mais “abrir un proceso de diálogo coa ANPA e a comunidade educativa do IES Terra de Xallas co fin de ofrecer unha solución estable e participada aos problemas detectados”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS