Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG levará ao Parlamento a falta de pediatría nas Pontes e esixe á Xunta unha cobertura estable e permanente

  • Os socialistas denuncian que o centro de saúde segue cunha vacante sen cubrir e cunha atención parcial que obriga ás familias a depender dun servizo insuficiente

O PSdeG denunciou hoxe a situación do servizo de pediatría no centro de saúde das Pontes e anunciou que levará esta cuestión ao Parlamento galego para esixir unha solución inmediata por parte da Xunta de Galicia. O PSdeG reclama que se garanta de forma urxente a cobertura completa, estable e permanente das dúas prazas estruturais de pediatría que corresponden a este centro sanitario, tal e como recolle a iniciativa rexistrada no Parlamento.

O deputado Aitor Bouza advertiu de que “denunciamos hoxe a situación que atopamos no concello das Pontes no que respecta ao servizo de Pediatría, un servizo fundamental e básico dentro do noso servizo de saúde para garantir o acceso á sanidade pública de todos os nenos e nenas desta vila”. Nesta liña, subliñou que o PSdeG levará esta situación ao Parlamento galego “esixíndolle ao señor Rueda que non deixe tirados e tiradas a tantas familias que precisan ese servizo de forma estable e permanente”.

Bouza incidiu en que, a día de hoxe, “falta ese pediatra que cubra esa vacante e a persoa que hai non está todos os días”, unha situación que, segundo denunciou, provoca unha atención claramente insuficiente para a poboación infantil das Pontes. “Condenan a estes nenos e nenas a que só poidan enfermar dous días á semana”, lamentou, para remarcar a gravidade dunha carencia que afecta a un servizo “tan importante no marco do servizo sanitario”.

Os socialistas denuncian que a dotación actual de pediatría no centro de saúde das Pontes non responde ás necesidades reais da poboación, ao existir unha praza sen cubrir de maneira completa e non estar garantido que a segunda conte con presenza diaria e permanente.

Por iso, o PSdeG esixe á Xunta que adopte de inmediato as medidas organizativas e de planificación necesarias para cubrir a vacante existente e completar o servizo, garantindo unha atención pediátrica diaria, continuada e de calidade para todos os nenos e nenas das Pontes. Os socialistas consideran que non se pode seguir tolerando que un servizo esencial da sanidade pública funcione de maneira parcial e insuficiente, deixando ás familias sen a resposta asistencial que merecen.


Aitor Bouza – pediatría As Pontes – mar26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes