Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG esixe unha solución inmediata para a falta de pediatra no Centro de Saúde de Cacheiras, en Teo

-Fixéronno nunha rolda de prensa en Santiago coa participación da deputada Patricia Iglesias e a voceira socialista no municipio Mayte Argibay


O PSdeG-PSOE denuncia a “situación de precariedade” que sofre o centro de saúde de Cacheiras debido á ausencia prolongada dun pediatra, o que deixa a moitas familias “sen a atención sanitaria necesaria para os seus fillos e fillas”.

Fíxoo esta mañá nunha rolda de prensa realizada na Casa do Pobo de Santiago de Compostela. Nela participaron Patricia Iglesias, deputada no Parlamento de Galicia, e Mayte Argibay, voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Teo.

Mayte Argibay explicou que esta problemática foi comentada reiteradamente no pleno municipal sen que, ata o momento, se dese unha solución efectiva: “A praza de pediatría está en precariedade dende hai meses, xerando desamparo e inquedanza entre as familias”.

Ademais, afirma que Cacheiras é unha das zonas máis poboadas, especialmente por nenos e nenas, e en moitas ocasións non hai un horario fixo de pediatra, o que provoca listas de espera de máis de dez días e a derivación directa á área de urxencias do clínico.

A voceira criticou tamén a falta de previsión da Xunta de Galicia en canto á atención pediátrica: “Non podemos esperar a que se constrúa un novo centro de saúde, que pode tardar anos e que, ademais, non garante que dispoña de pediatra”. Explica que a solución pasa pola creación dunha praza adicional que permita cubrir as baixas prolongadas, garantindo a atención á poboación infantil.

Pola súa banda, Patricia Iglesias afirma que a situación do centro de saúde de Cacheiras é un reflexo do colapso da atención primaria en Galicia, que levan denunciando dende marzo e que afecta a máis a de 40.000 nenos e nenas en toda a comunidade. Engade que, mentres tanto, “o goberno galego segue apostando por derivacións á sanidade privada e deixando desatendida a sanidade pública”.

A deputada do Parlamento galego lembrou ademais que a falta de pediatras está obrigando a moitas familias a desprazarse a outros centros de saúde sen garantía de atención ou, no peor dos casos, a acudir directamente a urxencias hospitalarias.

Segundo Patricia Iglesias, “a solución do PP no pleno foi dicir que o CHUS está a cinco minutos, o que demostra a súa falta de compromiso coa sanidade pública e a súa desconexión coa realidade das familias, que non sempre se poderán achegar ata alí”.

Dende o PSdeG anunciaron que esta situación será levada ao Parlamento de Galicia mediante unha iniciativa para esixir explicacións ao conselleiro de Sanidade e reclamar unha solución inmediata que garanta unha atención pediátrica axeitada no centro de saúde de Cacheiras. Así mesmo, dende o PSdeG tamén quixeron destacar a actitude da alcaldesa de Teo no último pleno, cando fixo unha peineta a algúns asistentes. Patricia Iglesias denuncia que este tipo de actitudes están a volverse habituais nos plenos de Teo: “A prepotencia e a falta de respecto que, en ocasións, se perciben, van en contra da democracia e da convivencia entre os asistentes e a veciñanza”.


Declaracións de Mayte Argibay
Declaracións de Patricia Iglesias
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes