Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG esixe ao goberno de Ribeira que repare o Centro Social de Oleiros e reserve fondos para a súa reforma

Os socialistas denuncian que o PP reclamaba actuacións neste edificio cando estaba na oposición, pero agora non executa nin sequera os arranxos máis urxentes

O Grupo Municipal Socialista de Ribeira levará ao Pleno unha proposición para reclamar ao goberno local que acometa os arranxos máis urxentes no Centro Social de Oleiros e reserve os fondos necesarios para a súa reforma integral.

O edificio público continúa nun evidente estado de deterioración, malia que en setembro de 2025 o propio Partido Popular, daquela na oposición, presentara unha proposta para demandar actuacións neste equipamento.

O portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta, denunciou a “profunda contradición” do actual goberno local. “O que o PP consideraba urxente cando estaba na oposición converteuse agora nun asunto esquecido. Antes reclamaba respostas, pero desde que chegou á Alcaldía non tomou ningunha medida”, sinalou.

O Centro Social de Oleiros presenta cristais danados, carpinterías metálicas oxidadas, portas deterioradas, pintadas, humidades, suciedade acumulada, pavimentos raiados e paneis afectados pola humidade. A contorna exterior tamén conta con maleza e zonas claramente desatendidas. Para o PSOE, esta situación ofrece unha imaxe de abandono impropia dun equipamento público ao servizo da veciñanza da parroquia.

Suárez-Puerta advertiu, ademais, de que o orzamento municipal deste ano evidencia que o goberno local non prevé realizar unha intervención integral no edificio. As contas recollen 12.000 euros para equipamento de cultura, 40.000 euros para estudos e traballos técnicos e 30.000 euros para a conservación de edificios culturais.

“É evidente que destas partidas non pode saír unha reforma integral do Centro Social de Oleiros. O goberno non reservou os recursos necesarios nin definiu unha actuación concreta para solucionar o problema”, afirmou.

O portavoz socialista insistiu en que a ausencia dunha partida para unha reforma completa non pode empregarse como escusa para manter o edificio nesta situación. “Aínda que a reparación integral non se poida executar de inmediato, poden acometerse actuacións urxentes, como substituír os cristais, revisar portas e xanelas, solucionar as humidades, limpar o edificio e acondicionar os accesos”, explicou.

Por este motivo, o PSOE propón que o Concello inclúa unha partida específica para a reforma do Centro Social de Oleiros no orzamento municipal de 2027 ou que incorpore a actuación ao próximo POS+ da Deputación da Coruña.

Os socialistas propoñen seguir o mesmo criterio aplicado na Casa da Cultura de Carreira, onde esta vía permitiu mobilizar un investimento de 121.000 euros.

Suárez-Puerta lembrou, ademais, que esta actuación xa podería terse encamiñado no Pleno anterior se o goberno local non tivese decidido destinar máis de 782.000 euros da última achega da Deputación da Coruña a gasto corrente. “Esa foi unha decisión política que demostra cales son as prioridades deste goberno”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes