Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG esixe á Xunta que concrete o compromiso da nova depuradora de Ordes e que amplíe a rede de saneamento e abastecemento

  • O deputado Aitor Bouza explica que levarán ao Parlamento as reivindicacións do grupo municipal, mentres Noelia Rivadas reclama prazos e planificación para que os compromisos se executen

O Grupo Socialista levará ao Parlamento de Galicia as reivindicacións do grupo municipal de Ordes en materia de saneamento e abastecemento, e en particular a demanda dunha nova depuradora no municipio. Así o explicou o deputado socialista Aitor Bouza, quen lembrou que o grupo municipal leva tempo traballando nesta reclamación, “algo tan esencial como contar cunha nova depuradora en Ordes”.

Bouza sostivo que “os compromisos da Xunta de Galicia teñen que materializarse non só en promesas, senón que teñen que levarse á práctica”. Neste sentido, exixiu a Augas de Galicia e á consellería que “fagan realidade canto antes eses compromisos para que a veciñanza de Ordes teña os seus dereitos garantidos nestas infraestruturas tan importantes”.

Pola súa banda, Noelia Rivadas sinalou que en saneamento e abastecemento hai “deberes moi importantes” en Ordes. En primeiro lugar, pediu axilizar a construción da depuradora. Afirmou que existe un compromiso adquirido e que, polo que saben, Augas de Galicia está tramitando o convenio, pero reclamou que ese compromiso se concrete. “Non queremos acabar, como tantas outras veces, cunha actuación que se eterniza durante anos”, advertiu.

Rivadas subliñou tamén a necesidade de ampliar a rede de saneamento e abastecemento. Explicou que Ordes “ten aínda unha porcentaxe moi reducida de cobertura e que hai moitas zonas, sobre todo rurais, que precisan esta infraestrutura básica”. “Estamos falando de servizos esenciais, por iso reclamamos prazos, planificación e que os compromisos se executen”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes