Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG esixe á Xunta ampliación e mellora do IES de Cacheiras en Teo

  • A deputada Patricia Iglesias e o deputado Aitor Bouza reuníronse co equipo directivo do centro para coñecer as súas carencias
  • O Grupo Socialista levará ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar unha reforma integral no centro

O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento de Galicia a ampliación e mellora urxente do IES de Cacheiras, o único instituto público do concello de Teo, que acolle a case 700 alumnos e alumnas e que leva anos denunciando deficiencias.

A deputada socialista Patricia Iglesias, xunto co deputado Aitor Bouza, visitaron o centro educativo para coñecer de primeira man a situación, acompañados pola comunidade educativa.

“O IES de Cacheiras necesita xa unha ampliación que dea resposta ao crecemento da matrícula e ás demandas da súa contorna, que non deixan de medrar ano tras ano sen que a Xunta actúe”, advertiu Bouza. “Falamos dun centro que conta cun salón de actos e unha aula de música, pero que non se encontran en condicións axeitadas, e no que as instalacións actuais están lonxe do que debería garantir unha educación pública de calidade”, engadiu o parlamentario socialista.

O Grupo Socialista lembra que a comunidade educativa reclama desde hai tempo melloras estruturais, como a construción e cubrición de espazos deportivos, a actualización dos recursos tecnolóxicos, a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética, así como o reforzo do cadro docente e do persoal de apoio.

Por iso, o PSdeG presentou no Parlamento unha batería de iniciativas, na que se inclúe unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a aprobar un plan integral de ampliación e modernización do instituto, con calendario e financiamento claro, e a garantir información transparente a toda a comunidade educativa. “É hora de que o señor Rueda se comprometa con Teo e cos seus veciños e veciñas, non falamos só dunha reivindicación xusta, senón do cumprimento da propia normativa educativa”, concluíu Bouza.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes