Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG denuncia que “Ferrol perde co señor Rueda como presidente da Xunta” tras 2 anos de mandato

  • Bernardo Fernández, Aitor Bouza e Rafa Beceiro fixeron balance destes dous anos nunha rolda de prensa na sede do PSdeG-PSOE de Ferrol

O PSdeG-PSOE realizou a súa valoración do que os 2 anos de mandato de Alfonso Rueda supuxeron para a cidade e a bisbarra de Ferrol. Foi nunha rolda de prensa na Casa do Pobo de Ferrol na que participaron o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro, o parlamentario socialista Aitor Bouza e o concelleiro e secretario de organización local Rafa Beceiro.

Este último comezou a rolda lembrando que “o centro de investigación da industria intelixente, o EI3 da Universidade, é un proxecto que xa ten orzamento, que foi aprobado no Parlamento de Galicia é que a día de hoxe non está nin executado nin sabemos ningún tipo de prazo”

“Algo parecido ocorre co polo de investigación da eólica mariña que se vai situar no CIS, que foi anunciado e do que tampouco a día de hoxe hai ningunha novidade”, lamenta o edil. “A isto súmase a falta de solo industrial na nosa cidade, agravada porque o noso goberno municipal regalou, e digo regalou, o único solo industrial dispoñible que había para facer unha cidade deportiva”, engade.

“Tanto a Xunta como a Autoridade Portuaria como o Concello teñen un convenio para desenvolver o polígono industrial de Mandiá, pois tampouco houbo novidades neste neste ámbito”, apunta Beceiro. “Fronte á falta de iniciativa da Xunta hai que dicir que aquí o único que apostou realmente por Ferrol en materia industrial foi o goberno de Pedro Sánchez”, afirma, mencionando o programa de fragatas F-110, o taller de bloques ou o centro do xemelgo dixital.

Pola súa banda, Aitor Bouza declarou que “Ferrol perde co señor rueda como presidente da Xunta de Galicia”, aportando tamén o exemplo das carencias en profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, “os PTs os ALs que tanta falta fan nesta cidade”.

Destacou tamén que o conselleiro de educación Román Rodríguez comprometeuse en campaña electoral con “dúas cuestións importantes que a día de hoxe están sen facer”, o pavillón de deportes no IES Ferrol Vello e a pista cuberta no IES Concepcion Arenal.

Bouza lembrou que xa teñen levado estas cuestións ao Parlamento de Galicia e “nada se fixo por parte do goberno galego”. “Absoluto desprezo da Xunta de Galicia a Ferrol, a Ferrolterra, á súa comunidade educativa”, critica o deputado socialista.

No referente á sanidade, indicou “as urxencias están absolutamente colapsadas, e non é unha cuestión que digamos dende o Partido Socialista, é unha cuestión que cada veciño ou veciña de Ferrol sabe cando ten que acudir porque ten unha doenza. Explica que “aos médicos de cabeceira, intentamos acudir a eles ou a elas e non podemos, porque cando se pide unha cita tardas 3 semanas en poder acudir” e “como é lóxico calquera persoa o que fai é acudir a urxencias”.

Finalmente, Bernardo Fernández sinalou que “hai moitas promesas e visitas nas que se anuncian todo tipo de investimentos, pero que 2 anos despois seguimos sen ver”. Comezou subliñando que “o compromiso da Xunta de Galicia con Ferrol no que a habilitación de vivenda pública ou do banco de alugueiro se refire é totalmente inexistente”.

Recordou o novo anuncio de 70 vivendas públicas, pero contrapúxoo a que “en 2 anos de goberno de afonso rueda nada se fixo para paliar a falta de vivenda pública”, unha problemática da que “todas as enquisas, o que arroxan é que a principal preocupación da cidadanía actualmente é o acceso á vivenda”. “A administración que ten a competencia exclusiva en materia de vivenda é a administración autonómica”, salientou.

Como apunta o secretario xera provincial, a Xunta “prometeu 8.000 vivendas nesta lexislatura públicas en galicia”, pero nestes dous anos só se construíron 155 vivendas. “Moito vai ter que apurar a Xunta de Galicia para construír as 7.850 restantes”, ironiza Fernández.

No referente ao transporte quixo destacar que o PP “é moi reivindicativo no que o transporte por ferrocarril se refire”, lembrando que “o Partido Socialista dende hai anos e cos distintos gobernos do estado foi moi belixerante con este tema e seguimos a selo”, pero que “cando se ten que falar do transporte por estrada de viaxeiros aí si que xa nada se sabe do Partido Popular”.


Rafa Beceiro – balance Xunta Ferrol – mar26
Bernardo Fernández Piñeiro – balance Xunta Ferrol – mar26
Aitor Bouza – balance Xunta Ferrol – mar26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes