O PSdeG denuncia os 13 días de espera para unha cita de Atención Primaria en Cariño e esixe solucións á Xunta
- O voceiro socialista en Cariño, Jonathan Miranda, afirma que “o que está ocorrendo no noso Centro de Saúde é a demostración máis evidente de que Rueda non ten un modelo de atención primaria”
O PSdeG alerta da situación “inadmisible” que sofre a veciñanza de Cariño pola falta de cobertura médica no Centro de Saúde, que obriga ás persoas usuarias a esperar ata 13 días para unha cita de atención primaria, consecuencia “da incapacidade e da falta absoluta de planificación do Goberno de Alfonso Rueda”.
O voceiro socialista en Cariño, Jonathan Miranda, sinalou nesta liña que “o que está ocorrendo no noso Centro de Saúde é a demostración máis evidente de que Rueda non ten un modelo de atención primaria, nin vontade política para garantir un servizo sanitario digno nos pequenos municipios”.
Miranda engadiu que “as persoas de Cariño non son cidadáns de segunda; merecen ser atendidas en tempo e forma, e non esperar case dúas semanas para ver ao seu médico”.
O socialista lembra que este problema vén de anos atrás, agravado agora pola xubilación dunha das profesionais médicas sen que o Sergas adoptase medidas preventivas nin organizativas: “A Xunta sabía que esta situación ía producirse e, aínda así, non fixo absolutamente nada, esa é a verdadeira responsabilidade de Rueda e do seu Goberno”.
Por estes motivos, o parlamentario socialista Aitor Bouza anunciou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia “para obrigar á Xunta a reforzar o cadro de persoal e garantir que ninguén teña que esperar máis de 48 horas para ser atendido”.
Dende o PSdeG anunciaron tamén unha moción no Pleno de Cariño para instar á Xunta “a adoptar unha solución estable e urxente que asegure a cobertura permanente das prazas de medicina de familia e pediatría”. O voceiro socialista concluíu afirmando que “se Rueda continúa mirando para outro lado, tomaremos todas as medidas políticas necesarias para que se respecte o dereito da veciñanza de Cariño a unha sanidade pública de calidade, a saúde non pode esperar e nós tampouco”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS