Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG denuncia o “taxazo” do Concello de Mugardos: “As familias pagarán a factura da mala xestión do goberno municipal”

  • O grupo socialista local alerta de que hai oito meses de recibos de auga, lixo e sumidoiro, IBI e rodaxe acumulados, que poden obrigar a moitas familias a afrontar un importante desembolso de golpe en setembro
  • A situación súmase ao incremento de taxas apobado polo goberno de Juan Domingo de Deus

O PSdeG-PSOE de Mugardos denuncia o “taxazo” ao que se poden ver sometidas as familias do municipio como consecuencia da mala xestión do goberno local, despois de oito meses sen cobrar diversos recibos municipais de auga, lixo e sumidoiro, IBI ou IVTM (rodaxe de vehículos).

O Grupo Municipal Socialista alerta de que o goberno municipal do PP, co apoio do BNG, decidiu pechar a oficina de recaudación municipal e delegar o cobro de taxas e impostos na Deputación desde o 1 de xaneiro, pero durante todos estes meses non remitiu á administración provincial os padróns e datos necesarios para xestionar os cobros.

Esta acumulación de recibos pode provocar agora que moitas familias teñan que afrontar de golpe este outono un importante desembolso económico por recibos acumulados que deberían terse xestionado e cobrado de maneira progresiva ao longo do ano.

O voceiro socialista José Ángel Martínez Bardanca, advirte de que “as familias de Mugardos non poden acabar pagando a factura da mala xestión do goberno municipal de Juan Domingo de Deus”.

Considera “inaceptable” que a falta de dilixencia do Concello poida trasladarse agora directamente aos petos dos veciños e veciñas: “Para moitas familias isto pode supoñer un auténtico sablazo fiscal e un desembolso difícil de asumir de golpe”.

Martínez Bardanca subliña que “nun proceso de transición ao delegar a recadación na Deputación pode haber cuestións técnicas que sexa necesario axustar, pero se o Concello non remite o padrón da auga, os datos da recadación e o resto da información imprescindible, a Deputación non pode facer o seu traballo”.

“O problema é que esa pésima xestión non a vai pagar o goberno municipal, senón os veciños e veciñas de Mugardos, que poden atoparse agora con varios recibos acumulados e cunha factura moito máis elevada do habitual nun mesmo período”, engade o portavoz socialista, que pide que o Concello propoña un plan de cobro progresivo.

Unha situación que se suma á suba de impostos municipais

A esta situación súmase que o Concello aínda ten pendente a actualización da ordenanza municipal da auga para adaptala ao convenio de recadación coa Deputación; mentres que as ordenanzas correspondentes á rodaxe e ao IBI xa foron modificadas, con incrementos do 15% e do 20%, respectivamente.

O PSdeG lembra que tanto o convenio de recadación coa Deputación como as novas ordenanzas e as subas tributarias foron aprobadas polo PP co apoio do BNG no marco do acordo para a “mellora da xestión tributaria” que ambas formacións subscribiron o ano pasado.

“Resulta especialmente grave que un acordo que se presentou como unha mellora da xestión tributaria desemboque en oito meses de recibos sen cobrar e na posibilidade de que agora as familias teñan que facer fronte a todos eses pagamentos acumulados”, critica o portavoz socialista.

Por este motivo, o grupo socialista reclama ao goberno municipal que regularice de inmediato a situación, complete todos os trámites pendentes e remita á Deputación a información necesaria para normalizar os cobros, facéndoo de forma progresiva.

“Esiximos ao Concello que actúe xa e, sobre todo, que busque unha solución para que esta acumulación de recibos cause o menor prexuízo posible ás familias. A veciñanza non pode pagar agora, de golpe, a factura de oito meses de mala xestión do goberno municipal”, conclúe Martínez Bardanca.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes