O PSdeG denuncia no Parlamento que “O PP non cumpre a súa promesa de facer unha residencia de maiores en Oroso”
- Aitor Bouza lamenta que o goberno autonómico admita que non hai previsión orzamentaria para unha residencia que reclamaron no pleno municipal
O PSdeG-PSOE denuncia no Parlamento de Galicia que “o PP non cumpre a súa promesa de facer unha residencia de maiores en Oroso”. Sinalouno o deputado Aitor Bouza logo de que o goberno autonómico respondese por escrito a unha pregunta neste sentido formulada polo Grupo Parlamentario Socialista.
Sería “unha residencia para maiores que foi reclamada en agosto do ano 2025 por unanimidade polo pleno, por todos concelleiros e concelleiras, incluídos tamén os do Partido Popular”, lembra o socialista despois de que a Xunta admitise que non hai previsión orzamentaria para a construción da residencia.
“Esa é esa coherencia que ten o PP en Galicia, votando unha cousa nun concello, e despois, cando ten que facela o propio goberno do señor Rueda, do PP, pois di claramente que non pensa cumprir con todos eses veciños e veciñas”, critica Bouza.
O parlamentario reclama “que se faga de inmediato esa residencia” e “que se incorpore unha partida orzamentaria neste ano 2026 para que comecen todos os trámites necesarios e pertinentes, para que sexa unha realidade canto antes”.
“O que faremos, como sempre, é defender os intereses das veciñas e veciños”, afirma Bouza, anunciando que presentará “unha batería de iniciativas para que se debata e se discuta no Parlamento”. “Esperemos que manteñan ese voto a favor da moción presentada no mes de agosto do ano 25 no concello de Oroso”, conclúe.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Oroso, Fernando Gutiérrez, afirmou que “tras a moción presentada polo grupo socialista e aprobada por unanimidade no pleno do Concello de Oroso para solicitar a construción dunha residencia de maiores, a resposta da Xunta de Galicia foi un non rotundo”.
“Ante esta decisión, os veciños e veciñas de Oroso pregúntanse cal é a postura do señor Doval e do seu goberno municipal e se comparten o rexeitamento expresado pola Xunta a unha demanda social amplamente respaldada por toda a corporación local”, engade.
Gutiérrez insiste en que “Oroso é un concello en crecemento, cunha poboación cada vez máis envellecida e cunha necesidade evidente de recursos asistenciais para as persoas maiores”. “Porén, mentres noutros concellos galegos si se impulsan e financian residencias públicas, Oroso continúa quedando á marxe destas inversións”, apunta.
“Desde os Socialistas de Oroso reclámase un trato xusto e igualitario, así como explicacións claras sobre os criterios que se están a aplicar para autorizar residencias noutros municipios e non neste”, remata o socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS